«Eu atendo á xente no despacho e na praia»

«O meu primeiro traballo político foi recoller sinaturas para ter un pediatra de urxencias no Grove»


o grove / la voz

Aos seus compañeiros do grao de Educación Especial gustáballe escoitala. Porque Noemí Outeda, como boa grovense que é, fala con ese ritmo cantarín que ten o mar. «Á xente de interior facíalle graza», relata ela, que nunca pensou en disimular a súa fala, nin a súa orixe. Ao cabo, ser do Grove é algo do que presumir. «Este lugar ten algo... Ou, máis ben, témolo todo. Praias estupendas, paisaxes fermosos, gastronomía, bo tempo... E sobre todo a xente que, quitando ese puntiño isleño que hai, é amable e hospitalaria», conta esta muller, concelleira no seu pobo e, dende hai uns meses, deputada provincial polo Partido Socialista.

A Noemí, ese posto na Deputación colleuna por sorpresa. Como case todos os fitos acadados na súa vida política, que xa vai sendo longa. Ela, simpatizante do PSOE dende que ten conciencia política, deu o salto á area municipal case sen pretendelo. «Estaba embarazada da miña filla maior cando me propuxeron ir na lista do Partido Socialista. Díxenlles que si e metéronme de número cinco. Non entrei na corporación por uns votos», lembra. Corría o ano 1999. No medio daquel mandato, unha dimisión colocouna no salón de plenos do Grove, sentouna na executiva local do partido e acabou por empurrala ata a executiva comarcal do Salnés. Foron catro anos intensos. En todos os sentidos. Porque aquel mandato o rematou a concelleira embarazada da súa filla pequena.

«Cando vin que ía de número cinco naquela lista púxenme nerviosa, porque eu non sabía nada de política. Pero houbo quen me dixo que todo iso se aprende», recorda Outeda. E así foi. A base de traballo, de superar as inseguridades, de conxurar os medos, Noemí Outeda foi colléndolle o ritmo ás súas novas responsabilidades. «O meu primeiro traballo foi recoller firmas para conseguir un pediatra de urxencias para O Grove», lembra.

Non tardou moito a concelleira en descubrir que na política, como na vida, o que máis lle interesaban eran as persoas. A xente e os seus problemas. A xente que precisa solucións. «Eu non lle teño medo a falar coas persoas. Relaciónome con todo o mundo, pídolle colaboración a quen sexa preciso, e non me custa traballo pedir perdón se me equivoco», relata. «Eu tanto atendo no despacho como na porta do Froiz ou na praia, ou cando vou camiñar. Eu nunca deixei de escoitar a ninguén, entre outras cousas porque unha das leccións que aprendín nestes anos é que hai moita xente falta de que alguén lle escoite, lle preste atención. A xente precisa proximidade», conta. E lembra como, dunha volta, «na praia, mentres lle daba a merenda ás miñas fillas, tiven a un veciño sentado na toalla contándome un problema que tiña. Eu daquela non podía facer nada, agás escoitalo».

Esa paixón polas persoas levou a Outeda a encargarse, durante a súa carreira política, de áreas relacionadas cos Servizos Sociais, co trato coas persoas maiores. «Coa xente da terceira idade sempre tiven unha relación excelente, moi familiar. É coma se fóra a súa filla, ou a súa neta», confesa. Moitas veces, nos actos aos que a convidan, Noemí Outeda acaba botando unha canción, ou un baile. «Cando mo piden, fágoo. Eu niso son moito como Abel Caballero. A min encántame cantar, e non o fago mal, así que alá vou», conta a deputada, que afirma que cando ten moito estrés non hai nada máis liberador que «sentar nas escaleiras da miña casa e cantar un rato. Cando remato, xa me foi alá a metade da pena». Outra das súas ferramentas para vencer o estrés é camiñar. «Agora non saio tanto a andar, porque non teño tempo, pero antes facía seis quilómetros ao día, víñame ben para o corpo e a cabeza».

No día a día, Noemí ten que dicir moitas veces que non. E dicir non, non é cousa fácil, recoñece a grovense. Pero paga a pena facelo cando non hai outra resposta posible. «Eu digo o que teño que dicir sempre. Se é non, é non, e é mellor dicilo canto antes. E se algo non me parece ben, non me parece, e tamén é mellor dicilo», explica. «Eu antes non era así, e sufrín moito por iso», relata.

Noemí, que adoita sorrir á máis mínima oportunidade, recoñece que ten unha forma de ser atípica nestes tempos. A ela a vida ensinoulle cales son as cousas importantes, e ensinoulle tamén que hai que gozar de cada día como o regalo que é. «Os amigos están moi ben, pero a familia é a familia», di esta nai, esta filla, esta muller apegada ás súas raíces que durme no mesmo dormitorio no que veu ao mundo. Quere espremer a vida, as súas son emocións intensas. Tamén na política. «A alegría máis grande que me deu a política foi cando conseguimos que os rapaces do instituto foran ver a obra Invisibles, que programaramos dende Igualdade, e que fala da violencia machista». A tristeza máis grande, o momento máis duro, cando unha veciña da vila meca foi tiroteada pola súa exparella. «Hai cousas que non entendes nunca».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Eu atendo á xente no despacho e na praia»