O chantadino Amador Castro gaña o Xerais de Novela cunha obra sobre a emigración a Barcelona

Emma Pedreira faise co Jules Verne de Literatura Xuvenil e Rosa Aneiros co Merlín

Membros do xurado do premio Xerais
Membros do xurado do premio Xerais

La Voz / Vigo

Amador Castro é o gañador do Xerais de Novela 2019. O xurado da XXXVI edición do certame dotado con 10.000 euros e ao que concorreron 44 obras, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: «Tras de min a terra queimada», «peixe globo» e «Karolina». Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Tras de min a terra queimada», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Amador Castro e corresponde ao título Shanghai a Barcelona

O xurado estima que Shanghai a Barcelona presenta un orixinal emprego das voces narrativas, fiadas unhas con outras con afán de continuidade; destacamos a viveza e naturalidade dos diálogos e a efectiva creación dunha atmosfera abafante ao longo de toda a novela, alén da fusión dun rexistro coloquial nos personaxes cunha linguaxe lírica presente en forma de haikus. Valoramos especialmente o contraste de espazos urbanos -nomeadamente a cidade de Barcelona- e outros situados no rural galego, sen esquecer o retrato singular da migración galega a Barcelona. É unha novela situada nun non-lugar literario, de difícil clasificación e, polo mesmo, de elevada orixinalidade», sinalaron os membros do tribunal formado por Ana Belén Moreda (profesora), Carlos Feijoo (avogado), Helena Torres (xestora cultural), Nuria Vil (poeta), Ana Abelenda (xornalista) e o profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás que actuou como secretario.

Amador Castro Moure naceu en Nandulfe-Chantada e vive dende neno en Barcelona. É licenciado en Ciencias políticas e socioloxía e traballa como informático na creación de aplicacións e administrador de sistemas. Ten publicados dous libros: «Memorias de antes do encoro», do 2013 e «Pillabán, pillabán», do 2018. 

O gañador confesa que recibiu a noticia como unha boa nova inesperada «un trebón que te abanea de lado a lado, unha cicloxénese explosiva que arrasa coa tranquilidade que estabas a vivir nas praias de Menorca. Agora, éncheme o corpo todo un enorme sentimento de agradecemento para toda a xente que sempre creu en min», afirma todavía abraiado.

A editorial también revelou hoxe a decisión dos xurados dos premios Jules Verne de Novela Xuvenil e o Merlín de Infantil, que Xerais concede ao mesmo tempo. O xurado da XXXIV edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 28 obras, foi para a obra presentada baixo o lema «Nimbostrato», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) e corresponde ao título «Xelís, o guieiro das botellas de mar».

Ademáis, o xurado da XI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 20 obras acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Prometea», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Emma Pedreira (A Coruña, 1978).e corresponde ao título «Os corpos invisibles». Curiosamente, a filóloga repite no podio xa que gañou o ano pasado o Xerais coa obra Besta do seu sangue.

A festa de entrega dos galardóns terá lugar no mes de outubro coincidindo coa aparición dos libros editados das obras gañadoras.

Amador Castro: «A obra parte dunha noticia que lin hai anos na Voz»

B.R.S

O gañador do premio Xerais, Amador Castro Moure, asegura que non é unha historia autobiográfica

O gañador do Xerais, Amador Castro Moure (Nandulfe-Chantada, 1962), vive dende neno en Barcelona. É licenciado en Socioloxía e traballa como programador informático. Ten publicados dous libros: Memorias de antes do encoro (2013) e Pillabán, pillabán (2018).

-¿É a primeira vez que se presenta?

-Sí. Coa última pensaba facelo pero non me deu tempo e a presentei aos Torrente Ballester e foi finalista. Este ano dixen que tiña que ser e mira, non pensaba nin de lonxe acadar o premio.

-¿Cal é a historia que conta en «Shangai a Barcelona»?

-É unha novela de ida e volta. Ten moito de mín, aínda que non é autobiográfica. A protagonista emigra cos pais a Barcelona e, nun momento dado, pensa que deixou o paraíso en Galicia e volve. Pero o que atopa é unha Galicia rural que non coñece, unha aldea semiabandonada e xente pelexada entre si. Sen facer spoiler é o que podo adiantar. Inspiroume unha noticia que saíra na Voz de Galicia e gardei anos, un home que morrera queimado na casa e era o último da súa aldea.

Seguir leyendo

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

O chantadino Amador Castro gaña o Xerais de Novela cunha obra sobre a emigración a Barcelona