«Aspiramos a máis, queremos volver ser unha forza decisiva»

O BNG volve ao pleno decidido a rematar coa «xordeira» do goberno local e coa impotencia da oposición


vigo / la voz

Cun discurso de campaña centrado en Vigo e nos seus problemas, no canto do rexeitamento á figura de Abel Caballero, logrou Xabier Pérez Igrexas a volta do BNG ao pleno da maior cidade de Galicia.

-O BNG volve á corporación tras catro anos ausente.

-A organización quedou moi satisfeita de conseguir o obxectivo de recuperar a presenza no Concello de Vigo. Gustarianos ter unha presenza máis forte. Pero conseguir este resultado, co punto de partida onde iniciamos esta remontada, fóra da corporación, con 8.500 persoas que apostaron polo BNG e que somos a única forza política alternativa a ese PSOE hexemónico... é un moi bo resultado. Pero aspiramos a máis. Queremos volver ser unha forza decisiva en Vigo.

-Pero Marea segue por diante, dá por feita a remontada?

-Si que é certo que houbo xente que hai catro anos optou por outras forzas ao igual que houbo xente que nunca optara polo BNG e si o fixo nestas eleccións. Tamén recibimos moito apoio de moita xente nova. É algo moi positivo. Nós non construimos sobre os deméritos do contrario, o que conseguimos gañámonolo a pulso.

-Que vai aportar o Bloque ao pleno?

-Cando estivemos no goberno ou na oposicion sempre fixemos avanzar á cidade. Imos seguir traballando arreo, a pé de rúa, en contacto cos colectivos e despregando propostas en positivo falando dos problemas reais da xente. Seremos unha forza política que rompa con ese pim pam pum no que se converteu o pleno. Nós non vimos a mazar en Caballero nin en ninguén. Vimos a poñer solucións aos problemas da cidade, que son moitos. Queremos que no pleno haxa política municipal. No último mandato vimos un partido de pelota vasca moi mal xogado cun goberno instalado na xordeira e cunha oposición incapaz de dar unha resposta e de falar de algo que non sexa Abel Caballero. O transporte, a vivenda, a emerxencia social, as oportunidades de converternos nun motor de innovación... De iso hai que falar.

-Contra vinte concelleiros semella complicado.

-Non é a primeira vez que hai unha maioría absoluta en Vigo. Sabemos que o pleno vai dificultar moito desplegar unhas políticas distintas. Algo que nos vai diferenciar do resto de forzas, é que imos simultanear unha labor política no ámbito institucional cun traballo a nivel social. A veciñanza de Teis xa logrou torcer o pulso a unha maioría absoluta e hoxe os veciños teñen unha liña de autobús C3 que o goberno non quería. Hai que deixar de mazar no monotema para mazar nos problemas. Estou convencido de que imos ser capaces de condicionar porque a este goberno ninguén o fixo sudar.

-Pensa que se reeditará o pacto co PSOE na Deputación?

-A experiencia destes catro anos foi positiva. Foi un mandato de hixiene democrática para desaloxar ese modelo caciquil e antidemocrático que tiña instalado Rafael Louzán na Deputación. Hai que valorar a contribución do BNG para democratizala, transparentala e avanzar no seu proceso de desmantelamento.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

«Aspiramos a máis, queremos volver ser unha forza decisiva»