«Cambiei tanto que cando escoito os meus discos anteriores case nin me recoñezo»

O músico de Catoira grava hoxe no auditorio de Vilagarcía o disco de «Son galego, son cubano» en directo


Era un proxecto ambicioso, pero nin el mesmo podía chegar a imaxinar que acadaría semellante repercusión. Máis de tres anos leva de xira Son galego, son cubano, o espectáculo que o músico Roi Casal creou a partir dos poemas que para a ocasión lle escribiu Xosé Neira Vilas e que agora pon en escena cunha mestura de músicos e instrumentación de ambas beiras do Atlántico.

-Por que decidiu agora gravar en directo «Son galego, son cubano»?

-Porque penso que é importante deixar testemuña de ata onde chegou este proxecto musical dende o momento no que se converteu no espectáculo que agora é. O disco inicial xa non lle fai xustiza.

-Terá continuidade?

-Non. Este proxecto naceu nun momento moi especial e cunhas características e unhas persoas moi determinadas. Non tería sentido facer un Son galego, son cubano 2 sen esas características e sen algunha desas persoas.

-Que foi o que máis lle está a sorprender deste periplo?

-O que está a acontecer con Son galego, son cubano penso que é irrepetible. Que unha banda con 12 músicos esté xirando durante catro anos por toda Europa e América sendo un espectáculo rendible é un milagre. Sinceramente, cando arrancamos eu pensei que íamos durar oito meses.

-Que cambiou «Son galego, son cubano» en Roi Casal?

-Eu non son o mesmo. Cando me escoito nos meus discos anteriores case nin me recoñezo. Artísticamente este proxecto foime abrindo a mente. Incluso me plantexo o futuro dunha maneira moi distinta a como o facía hai cinco anos.

-E dende o punto de vista persoal, tamén o cambiou?

-Si. Serviume para ter sempre moi presente que os galegos fomos un pobo humilde, que moitos países non abriron as portas e que grazas ao noso traballo se nos deu a posibilidade de prosperar. Non nos deixaron á deriva no mar. E agora que somos un país desarrollado temos que ser nós os que abramos as portas e demos esas oportunidades. Eu eses valores xa os tiña pero Son galego, son cubano e o meu contacto con Neira Vilas reafirmáronmos.

-Descubriu entre os galegos e os cubanos máis nexos en común dos que xa pensaba que existían?

-Mira, cando vas a La Habana non sintes a distancia que podes sentir en calquera outra cidade de América. Cuba ten algo que aos galegos fainos sentir como na casa.

-E como conviven as nosas músicas?

-Fantásticamente. Teño que darlle as grazas ao meu arranxista, o pianista Miguel Núñez. El me dixo «o traballo é fantástico pero só hai unha maneira de levalo en condicións a escena, con bos músicos». E iso foi o que fixen.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Cambiei tanto que cando escoito os meus discos anteriores case nin me recoñezo»