«Na música as fronteiras dilúense tanto que desaparecen»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

SondeSeu presentará hoxe  o disco «Beiralúa», quinto dende que naceu no 2001 na Escola Municipal de Música Folk e Tradicional

01 feb 2019 . Actualizado a las 16:10 h.

A orquestra folk SondeSeu ofrecerá un concerto hoxe no auditorio Mar de Vigo, dedicado á promoción das illas Cíes como patrimonio da humanidade e organizado polo Concello de Vigo. Nel presentarán o seu quinto disco, Beiralúa, que saíu á rúa o pasado maio. Esgotáronse as invitacións nas tres primeiras horas da súa posta a disposición do público. Rodrigo Romani é un dos directores desta formación xurdida na Escola Municipal de Música Folk e Tradicional. Hai uns días, a orquestra estivo en Escocia, amosando este novo traballo.

-¿Como lles foi en Glasgow?

-Moi ben, o público disfrutou moitísimo e se lles fixo corto o concerto. Puideron ver o traballo que estamos a facer en Galicia, e tamén lles transmitimos a mensaxe da candidatura das Cíes a patrimonio da humanidade. Foi moi ben porque non é moi habitual nos escenarios de Europa ver este tipo de formacións.

-¿Que supón Beiralúa para SondeSeu?

-Este disco ten una visión integradora sobre a liña que viña ofrecendo a orquestra, que é fundamentalmente a música tradicional e o canto de tradición oral tratados dende un punto de vista contemporáneo e en forma orquestral.

-¿Houbo colaboracións externas á formación?

-Si, ata o de agora ese traballo fixémolo dende a orquestra cos propios mestres, pero en Beiralúa encargamos composicións a outros excelentes músicos, como Xosé Luís Romero, Pedro Lamas ou Quico Comesaña. Ao mesmo tempo está presenza de invitados que interpretan cancións que se ben non pertencen ao patrimonio de transmisión oral, si se instalaron pola súa popularidade no imaxinario colectivo dos galegos. Son os casos de Ai ven o maio, de Luis Emilio Batallán, que está interpretado por Rosa Cedrón; ou Campanas de Bastabales, de Amancio Prada, con Toño Domínguez. Fixemos unha especie de reelaboración desde o punto de vista noso. Tamén se inclúe a San Martiño Suite, de Anxo Pintos.

-¿Estes compositores afrontaron o traballo con algunha directriz?

-Non, simplemente lles convidamos a colaborar con nós e foron moi xenerosos. Si é certo que eles coñecen a orquestra e lles fixo ilusión traballar para este instrumento múltiple.

-¿É complicado contemporanizar a música tradicional?

-A min resúltame difícil, o que pasa é que o azar as veces se confabula para que as cousas saian adiante. É difícil atopar o estilo, o timbre e a fórmula, e non pasarte nin quedar corto. Unha vez que atopas o punto exacto pode resultar un pouquiño máis doado; é como tocar un instrumento que ten moitos rexistros, ao principio resulta moi complicado, pero cando vas entendendo de que vai xa é máis doado. Tamén é complicado non repetirse e tratar de facer cousas diferentes.

-Coa perspectiva que permite os anos transcorridos dende a creación da orquestra, ¿considera que se están cumprindo os obxectivos fundacionais?

-Si, aínda que os nosos obxectivos nunca foron inalcanzables porque realmente, durante o proceso de creación, nunca nos marcamos un obxectivo, era máis ben como ese dito do fútbol, ir partido a partido e día a día. É moi complicado subsistir para unha formación como a nosa; neste caso é posible porque hai un apoio detrás do Concello de Vigo e a Escola Municipal de Música Tradicional. SondeSeu é a culminación desa escola. Os obxectivos seguen a ser os mesmos, é dicir, perdurar máis alá das persoas que a formamos agora. É importante que siga como un proxecto común e ilusionante.

-¿Hai rotacións na orquestra?

-Empezamos sendo vinte e pico músicos e agora somos sesenta, pero a infraestrutura que temos en Galicia tampouco permite que podamos ir en pleno, así que limitámonos a 50. Tampouco hai moitos escenarios en Galicia onde poidamos desenvolvernos comodamente. As nosas limitacións son máis de infraestruturas que de potencial musical.

-¿Conseguíronse os obxectivos da Rede Europea de Orquestras Folk?

-Algúns si, como a creación de orquestras parecidas en Finlandia e Escocia. O problema foi que a hora de movelas entre os distintos países europeos precisábase un orzamento que non foi máis alá do que puxo aquí o Concello de Vigo. Dende entón, a Axencia Europea cambiou un pouco a estratexia e non facilitou que pervivira esa rede máis alá do funcionamento particular de cada unha.