«O folk galego ten agora a súa mellor xeración de músicos pero é insostible»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

MONICA IRAGO

Luar na Lubre presenta en Vigo, con sorpresas, o seu último disco, «Ribeira Sacra»

25 ene 2019 . Actualizado a las 19:38 h.

Luar na Lubre pecha hoxe en Vigo a xira galega de presentación do seu disco Ribeira Sacra. O grupo de Bieito Romero comezará a súa actuación no Teatro Afundación ás 20.30 horas.

-Que se lle perdeu na Ribeira Sacra?

-Máis ben, que atopei alí, diría eu. Meus pais eran de Xunqueira e de Esgos e xurdiu a idea de facer un traballo dedicado á Ribeira Sacra, e alí fomos a mergullarnos e a escudriñar na comarca. Atopamos marabillas.

-É un traballo de recolleita?

-Está máis escorado cara á recolleita e interpretación do que escoitamos alí. Non coñeciamos nada editado sobre a zona e estivemos facendo recollidas de campo e vimos xente que cantaba moi ben e con historias moi interesantes. Hai historias máis coñecidas da Ribeira, como a do home lobo, pero tamén apareceron outras, como as cantigas do rei Alfonso X porque, probablemente, parte delas se compuxeran nalgúns mosteiros de alí que, por outro lado, é a concentración máis importante de mosteiros románicos de Europa e iso non é por que si. No disco tamén hai unha parte de composición inspirada en todo aquilo.

-Haberá colaboracións no directo de Vigo?

-Sabemos que en Vigo se nos quere, pero tamén coincide con que é o peche da xira en Galicia, así que teremos convidados a moitos artistas. Haberá un oleiro do Niño da Aguia traballando o barro en directo, afiadores, poremos imaxes da comarca e tamén estarán Ses, a Coral de Ruada e moita máis xente.

-É certo que o disco gravouse no mosteiro de San Pedro de Rocas?

-Non, só algunhas cousas que nos serviron despois para ter referencias, pero o traballo está feito nun estudio. Neste mosteiro están soterrados algúns dos meus familiares. Hai moitos vínculos familiares porque a miña infancia pasou por aí e hai moitas vivencias persoais.

-Parécelle un lugar espiritual?

-Absolutamente, din que o nome está asociado ao aspecto relixioso, aínda que a referencia máis antiga do nome Ribeira Sacra ven por Rivoira Sacrata que está recollida no século XII no mosteiro de Montederramo e fala dun carballo sagrado. O nome vaille moi ben pola cantidade de mosteiros tanto dende a perspectiva relixiosa pero tamén da pagá porque mantén moitas tradicións.

-Como está a saúde de Luar na Lubre?

-Fantásticamente ben despois de 33 anos. Este traballo está funcionando moi ben, e iso que cando empezamos pensabamos que fóra de Galicia, onde damos o 90 % dos nosos concertos, igual non se entendía moi ben porque é moi conceptual, pero non, está funcionando ben. No grupo seguen funcionando os equilibrios de toda a vida e a química é boa. Hai un factor que é moi importante, e é que a xente paga por ver un concerto noso porque sabe que iso ten un valor que hai que preservar.

-Hai un xeito distinto de achegarse á música tradicional?

-Cada tipo de música ten o seu xeito particular, e na música celta hai unhas características moi propias que non son comparables ao que se pode facer no jazz ou no pop. Aquí hai unha filosofía e un xeito de entender as cousas porque a música tradicional é a nai de todas as músicas, pero non hai que confundirse.

-A que se refire?

-Nunha música tan específica como esta podes chegar a confundirte se non tes coñecementos suficientes para traballar sobre ela. Hai xente que pensa que polo simple feito de meter unha gaita xa está, e non é así, detrás de todo isto hai que estudar moitas cousas e facelas cribles.

-Tras o bum de hai anos, como ve o panorama do folk en Galicia?

-Non soubemos aproveitalo. Foi un momento delicioso no que esta música tivo a posibilidade de asentarse e crear unha certa industria. Foi unha época moi arroupada pola administración e iso levou a que non se pagara por oíla nun teatro. Metemos a pata porque cando viñeron os tempos duros a xente non pagou polos concertos. É certo que agora estamos no mellor momento na historia da música tradicional en canto á preparación dos músicos e as súas propostas, pero non se sosteñen polos impostos aos que estamos sometidos, sobre todo en propostas nas que participan moitos músicos, como a nosa. É moi difícil facer as cousas legais e manterse. O paradoxo é que temos os mellores músicos e as mellores propostas pero son insostibles.