Chévere despídese da montaxe despois de tres anos con funcións en Teo, Vigo, Pontevedra e Lugo
16 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.O 7 de marzo de 2016 Eroski Paraíso, a primeira produción de Chévere despois de recibir o Premio Nacional de Teatro, representábase por primeira vez en San Sebastián. Tres anos despois, a compañía despídese do espectáculo en que Álex, unha rapaza que estuda cine en Barcelona, decide facer un documental sobre os seus pais, que se coñeceron na sala Paraíso, agora convertida nun supermercado Eroski. O vindeiro venres chega ao Teatro Afundación de Vigo, para despois recorrer outras localidades galegas e finalizar o percorrido o 10 de marzo en Pamplona. «Costa moito despedirse porque funcionou moi ben, a resposta do público ao final da función é moi cálida», explica Xesús Ron, director do espectáculo.
Máis de 120 funcións e 30.000 espectadores falan do éxito da montaxe. «E aínda ten percorrido e a xente quere vela», engade, xa que en Vigo están case esgotadas as entradas e en Pontevedra superan as 500 vendidas. Cifras que para Xesús Ron cobran maior valor tendo en conta que «non é unha comedia nin un espectáculo para que a xente escache da risa, senón que ten tempos lentos e unha interpretación moi naturalista». A iso engádelle que case a metade das funcións se fixeron fóra de Galicia, incluíndo París e Braga. «En Galicia a media é do 80 % do aforo, e fóra foi algo menor, pero acabamos esgotando entradas en Madrid, en Sevilla e Granada», manifesta o dramaturgo vigués.
Cal foi a chave do éxito? «O que nos traslada o público é a empatía que se crea cos personaxes e como está contada a historia. Outro dos puntos é que a obra transita por momentos en que se ri moito, outros nos que a xente se emociona e, ao final, saes cun baño de emocións. Aínda que é un pouco amargo, hai un pouso de esperanza», di, engadindo que pese a narrativa complexa é unha peza accesible. «Tivo éxito dende Madrid, onde seguramente era público habitual de teatro, a Mazaricos. Tamén conecta cos adolescentes e xente de máis de 50 anos», sinala.
Romper con tabús
Ron lembra a incerteza inicial porque «era unha aposta forte» xa que se ía presentar en versión orixinal en todos os lugares. Así, tamén a viron en galego en Andalucía, Madrid... «Rompéronse moitos tabús», afirma. Lembra como en Logroño rexeitaron inicialmente programar o espectáculo e, cando chegaron un ano despois, o director do teatro pediulle desculpas. «Eroski Paraíso quedará como un dos fitos para nós e para o teatro galego», di o director.