Ten sentido o Parque Nacional das Illas Atlánticas?

Diego R. Vieites FIRMA INVITADA

VIGO

O borrador exposto a comezos de 2018 apenas recollía menos do 1% de reserva mariña, dun total de 7.285 hectáreas

04 ene 2019 . Actualizado a las 09:40 h.

Opasado martes a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentaba no Consello da Rede de Parques Nacionais o Plano Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PN). O que debería ser algo excelente para os que levabamos reclamando máis dunha década a súa aprobación (cómpre lembrar que tiña que ter sido aprobado o 3 de xullo de 2003 segundo a Disposición Adicional Segunda da Lei 15/2002, de 1 de xullo pola que se declara o PN) converteuse nunha triste nova debido ó contido do propio PRUX. O borrador que pretende aprobar a Xunta de Galicia contén moitas carencias a nivel de conservación dos valores naturais deste valiosísimo espazo protexido que o movemento ecoloxista galego leva denunciando dende que se sometera a participación pública o primeiro borrador, aló por setembro de 2011. Daquela xa alegaramos que o 3 % de reserva mariña que contemplaba o PRUX era unha superficie totalmente insuficiente dadas as características do PN que ten unha superficie mariña de 7.285 hectáreas; para a nosa sorpresa, o borrador exposto ó público a comezos de 2018 apenas recollía menos do 1 % de reserva mariña.

A esta eiva hai que sumarlle unha mala diagnose da situación ambiental obviando especies ameazadas presentes no PN ou aportando datos anticuados de especies catalogadas. Salienta o furabuchos balear, especie catalogada en perigo crítico de extinción a nivel mundial segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza xa que as súas poboacións tan só ascendían en 2007 a 2200 parellas reprodutoras e que non se nomea en todo o PRUX aínda que verán tras verán se poda observar formando bandos de centos de aves entre Cíes e Ons. Tamén destaca o caso do corvo mariño cristado que está catalogado na categoría de vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e que conta con datos de 2005 no PRUX cando o propio PN censa anualmente as colonias reprodutoras da especie no espazo protexido e ten constatado unha redución dun terzo da poboación reprodutora no arquipélago de Cíes no período 2014-2017. Aínda que esta especie é o emblema do PN, o documento non contempla ningunha medida de conservación específica para darlle a volta ó declive descrito.

Por se isto fora pouco, faise incomprensible a redución das zonas de reserva terrestres con presenza de hábitats catalogados na Directiva 92/43/CEE nos arquipélagos de Ons e Sálvora con respecto ó borrador de 2011, o establecemento dunha cota excesiva de visitantes para Ons segundo os propios estudos de capacidade de carga realizados polo PN ou relegar ás asociacións ecoloxistas ó ostracismo en todo este proceso de aprobación do PRUX no que non se nos respostou ás alegacións, nin se nos proporcionou ningún tipo de documentación,... pese a terse comprometido a elo a propia Consellaría que logo presume de consensos con todos os actores implicados. Dende o movemento ecoloxista entendemos que o PN ten que ter moi en conta a todos os sectores nel representados dende os propios habitantes, o sector pesqueiro e marisqueiro, o turismo,... máis o que ten que primar por riba de todo é a protección dos valores naturais do espazo protexido xa que para iso se declarou. Todo o que se alonxe dIsto fai que o Parque Nacional das Illas Atlánticas careza de sentido.