Menchu Lamas accede á Academia de Belas Artes exaltando a forza da cor

VIGO

Xoán Carlos Gil

A pintora galega lamentou, no seu discurso de ingreso, o peche do MAC e a situación do Marco

02 dic 2018 . Actualizado a las 00:21 h.

«Cando a cor respira, o cadro vibra e toma corpo; é algo simbólico, ten sentimentos e crea a composición. A cor crea un hábitat para chegar a unha nova realidade», afirmou onte Menchu Lamas durante o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes. A pintora viguesa accede ao posto número 16 desta institución cultural, na sección de Pintura e Gravado, unha vacante que deixou Felipe Criado, falecido non hai moito tempo. A súa candidatura foi votada, o pasado 26 de maio, de forma unánime polos académicos.

O solemne acto tivo lugar no Marco (Museo de Arte Contemporánea de Vigo) en presenza dos académicos e outros persoeiros da vida pública galega. Estivo presidido polo titular da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo. O discurso de ingreso de Menchu Lamas titulouse Cando a cor respira, e foi contestado polo pintor vigués Din Matamoros, un dos seus propoñentes.

Lamas comezou a súa disertación agradecendo a confianza dos membros da Academia, e mencionando a persoas que a acompañaron nos seus primeiros momentos no mundo da arte. Incluso recoñeceu que nun principio pensou en canalizar a súa expresividade a través da fotografía. «A pintura é un xogo e unha prolongación do corpo, con xestos e con símbolos. Entendo a miña pintura coma unha evolución das formas, onde a composición quere rebentar o espazo delimitado polo formato cadro», afirmou para explicar por que optou finalmente pola pintura.

No seu discurso, Menchu Lamas foi comentando como entende o feito pictórico, engadindo que nunha abstracción simbólica ten tanta importancia a cor como a forma, a xeometría ou o xesto. «E dentro do seu idioma simbólico, destacan tamén as formas xeométricas, as mans, os peixes ou a lúa, unha iconografía persoal que vai medrando por estratos dos distintos momentos», detallou a nova académica.

Non se esqueceu a pintora do papel dos galeristas e coleccionistas no eido artístico, enumerando os seus contactos no interior do país e no exterior, como tamén algunhas das súas principais exposicións no estranxeiro. Tamén lembrou a situación de desvantaxe das mulleres no mundo da arte e matizou que, aínda que ten mellorado nos últimos anos, seguen «a loitar pola superación do chamado teito de cristal».

E chegoulle o momento de falar do Marco, un museo que nos últimos meses carece de director e tomou un deriva alonxada dos seus principios fundadores. «A arte e a cultura teñen que ser patrimonio de todos e por iso é importante que a arte contemporánea teña en Vigo esa xanela aberta que representa o Marco, situado no corazón da cidade. A arte e mais a cultura son un activo colectivo como o ensino ou a sanidade», proclamou, aínda que tamén se mostrou esperanzada no feito de que se teña convocada a praza de director do museo. Neste ámbito reivindicativo incluíu ao MAC da Coruña, para lamentar a súa inminente desaparición. «Cada vez que desaparece un espazo artístico ou cultural medra a ameaza á liberdade, polo que cómpre estar vixilantes ante estas situacións», dixo. E rematou Menchu Lamas cunha petición: «Deixen respirar á cor».

O sorriso da pintura

Por parte da Academia de Belas Artes deulle contestación o pintor vigués Din Matamoro, quen lle manifestou a súa admiración. «Merece entrar na Academia polo seu rotundo imaxinario, por estar atenta e traspasar o mar das distancias, conectada intelectualmente co que pasa no mundo, o que nos tocou vivir. Dialogou e dialoga con pintoras e pintores, artistas doutras disciplinas, e sitúase na arte internacional do seu tempo», enxalzou Matamoro, nun discurso cargado de poesía e notables respecto e devoción pola nova académica: non dubidou en declarar que ela é «o sorriso da pintura». E rematou a súa comparecencia dándolle as grazas «por facer respirar a cor».

«Cando a cor respira, o cadro vibra e toma corpo; ten sentimentos e crea a composición», afirma a artista