«Vexo moitas opcións de ascenso»

O técnico de Meira é optimista en vésperas do play-off no que o equipo moañés busca regresar á ACT


Vigo

Segunda tempada e segundo play-off consecutivo para Samertolameu con Dani Pérez á fronte. O adestrador amósase convencido de que o seu equipo ten moitas opcións de ser un dos dous mellores das dúas regatas con formato play-off que decidirán entre cinco equipos ?catro aspirantes ao ascenso e un a non descender? que dous militarán na máxima competición do remo español, a ACT, a vindeira tempada. Tralo descenso de Tirán, Meira aspira a coller o relevo.

-¿Como chega Samertolameu ao play-off?

-As últimas probas que fixemos foron boas e as sensación a nivel anímico, tamén. O equipo está fresco, chegamos en boas condicións. Vimos dunha liga dura na que fomos moi regulares, e aínda tendo un rival duro coma Ares, fomos capaces de rotar con todo o equipo e gañar a meirande parte das regatas. Iso a nivel anímico dá moita confianza.

-Mencionaba a Ares, co que se atoparán de novo. ¿Como ve a cada un dos rivais?

-Por estatística o favorito é Astillero, porque quen domina a ARC sempre ten máis posibilidades de ser primiero no play-off, ademais de que están moi reforzados e teñen un equipo moi forte. Lekittarra tradicionalmente manéxase ben nas regatas de mar aberto e para Bermeo creo que é un rival moi a ter en conta, mentres que Ares é o que máis coñecemos e durante a liga foi máis irregular ca nós, pero cando se sentiu ben non lle sacamos moita diferenza. Despois está San Juan, que loita para manterse e é do que menos referencias temos, pero vén de ACT e iso asegura que ten nivel aínda que sufrise esta tempada.

-¿Que opcións reais de ascenso diría que ten o seu equipo?

-Véxonos con moitas opcións de estar neses dous primeiros postos, pero falamos sempre de referencias indirectas. Só houbo un enfrontamento directo, na Concha, e é certo que saímos reforzados, pero sabemos que é unha proba que pode enganar. As nosas propias marcas son mellores cás do ano pasado, pero son regatas moi duras psicoloxicamente. Penso que se somos capaces de controlar o aspecto emocional, seguramente seremos moi competitivos. A tranquilidade será vital.

-¿Sinten unha presión engadida tras quedar tan preto hai un ano?

-Non, o ano pasado tivemos un resultado que entraba dentro do normal, xa que subiron dous equipazos feitos con xente veterana e cun nivel económico superior. Máis que presión, xéranos experiencia que debemos aproveitar con respecto aos nosos rivais. A nosa tripulación é moi similar á do ano pasado.

-¿Sería un fracaso non logralo?

-Non, porque pode darse que acades o ascenso sen facelo ben porque os demais son peores, e dar o teu máximo coma nós o ano pasado e que non sexa suficiente. Son dúas regatas e hai moitos factores que nos poden facer render mellor ou peor. A avaliación non vai depender só de que se consiga subir ou non.

-¿Que opina do sistema de play-off?

-Xógaste algo tan importante en dúas regatas, ou unha e media, porque está comprobado que quen o fai mellor en Bermeo é quen adoita subir. Igual se podería facer en liguilla, pero o que está claro é que non ten sentido que sexa despois da Concha, con quince días sen competir nos que pasamos unha tensión tremenda. É positivo que sexan contrarreloxo para evitar o hándicap dos carreiros. Ademais, o campo de regatas de Bermeo pon a proba a habilidade e imponse a traíña máis téncica que se desevolva mellor se hai vento ou olas grandes. A de Portugalete é máis esixente a nivel físico e está ben que se avalíen os dous aspectos.

-¿Como foron estas dúas semanas de preparación?

-A pasada tratamos de manter unha carga alta con sesións parecidas ás regatas, saíndo á ría de Aldán para coller algo de mar, e logo fixemos outras de velocidade que se parecerán máis a Bilbao. Esta semana toca recuperar, que ninguén se lesione e mantener as sensacións para chegar ben á fin de semana.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Vexo moitas opcións de ascenso»