«Nestes retratos hai un pulso de conversa»

VIGO

XOAN CARLOS GIL

O artista de Sabucedo expón na Casa das Artes a súa homenaxe a cincuenta escritores galegos

27 ago 2018 . Actualizado a las 19:53 h.

Ata o vindeiro 9 de setembro, a Casa das Artes de Vigo está chea de rostros da literatura galega. Mulleres, coma Chus Pato, María Xosé Queizán e Xina Vega, e homes, coma Agustín Fernández Paz, Xosé Luis Méndez Ferrín ou Francisco Castro, manteñen fixa a súa mirada no espectador. Son cincuenta retratos tirados contra un pano de fondo _ao modo clásico_ polo fotógrafo Anxo Cabada (Sabucedo, A Estrada, 1957), quen titulou este proxecto O imaxinario do país. Letras de magnesio. A exposición e o catálogo correspondente están apoiadas pola Deputación de Pontevedra a través da programación Ano da lingua.

?¿Con esta exposición continúa a labor de retratar un país? Refírome a se este proxecto complementa os seus traballos anteriores.

?Si. Comecei cando foi do Prestige, facendo unha exposición sobre os percebeiros de Ons. Aquela idea foi unha combinación fotográfica e literaria. Como traballei anteriormente tanto no mar como na terra, agora tocaba pechar o círculo de traballar con escritores para que as imaxes puideran provocar reflexións ou suxestións. E iso é, unha reflexión sobre os rostros dos escritores, por iso lle chamei O imaxinario do país. Quería darlle máis visibilidades á xente que traballa na literatura. Por un lado, quería reivindicar a nosa fotografía e, por outro lado, a esa xente que segue apostando polo idioma.

?¿Foi complicada a selección de escritores?

?Eu, como xa levaba traballando con eles, fun a aquela xente que tiña colaborado comigo en traballos anteriores e despois se foi completando o listado. Tiña pensado en principio facer só 30 retratos, pero logo fun ampliando e cheguei a 50, 25 homes e 25 mulleres.

?¿Que é o que máis lle interesa do retrato?

?É un desafío interesante neste tempos nos que a xente faise tantos selfis e produtos de consumo inmediato. Eu pensei este traballo como ir contracorrente, no sentido de fuxir desa facilidade que proporciona o produto instantáneo. Todos os retratos están feitos coma se fora un encontro a soas co retratado. Fóra deses apuros, intentei poñer o retrato coma se fora unha paisaxe na cara do retratado. Serviume para afondar tanto na fotografía dos tempos actuais, onde se chegou a unha normalidade fotográfica absoluta porque todos levamos unha cámara no bolso, e para reivindicar a fotografía feita con calma, agarimo e reflexión. Na exposición parece que estás falando con cada un dos autores; hai coma un pulso de conversa, que era o que pretendía. Nun principio tratei de situar aos escritores no seu medio, pero despois me pareceu máis interesante ese desafío da interacción entre retratista e retratado.

?¿O retrato fotográfico é unha herdanza do retrato pictórico ou ten unha linguaxe distinta?

?Máis ou menos é buscar as orixes, iso é certo. A fotografía veu un pouco como continuidade da pintura, e o que pretendín foi facer unha homenaxe aos grandes retratistas coa intención de non perder as esencias do respecto á persoa. Tratei de enfatizar a esencia da persoa que está retratando, na liña dos traballos feitos por Virxilio Viéitez á xente de Soutelo de Montes. O retrato ao longo da historia sempre foi unha homenaxe á persoa, e eu intentei conciliar literatura, fotografía e a historia do retrato.

?¿Como funcionaron os retratados durante a acción?

?Cuns foi máis doado que con outros. Utilicei un pano de fondo para resaltar o rostro da persoa o retratada, e esa teatralización levaba consigo que tiñan que chegar a estar relaxados diante da miña cámara; era o meu desafío. Penso que saíu bastante ben e a xente se sinte identificada, algúns con máis ou menos atino. Hai uns anos fixera un programa para a Televisión de Galicia, titulado O fío do retrato, no que eu ía fotografando á xente tirándolle do fío da vida; aquí fixen algo semellante, enfrontarme con complicidade co retratado. Pero claro, poñer á xente así posar non é nada doado, aínda que sexan persoas acostumadas a facelo.