Alberto Meira: «Os coches dos rivais son mellores pero aspiro a gañar»

O piloto galego pelexará pola vitoria no regreso do Rali Rías Baixas esta fin de semana


Vigo

Alberto Meira (Gondomar, 1977) non faltou a unha soa das edicións que se celebraron do Rali Rías Baixas durante os seus case 20 anos de carreira. Estrañouno durante os últimos anos nos que non se fixo e agora que regresa. Non o pensou dúas veces antes de decidir que ía tomar a liña de saída. Asegura que os rivais contan con coches superiores, pero se non sentise que pode loitar polo triunfo, non acudiría á proba (agora do campionato galego) desta fin de semana.

-¿Que supón este regreso do Rías Baixas?

-Non tiña que ter desaparecido e é unha gran noticia telo de volta. Afróntoo con moita ilusión e ganas. É o rali da casa e o público é un aliciente para estar loitando, aínda que vai ser complicado.

-¿Con que posición se conformaría nesta edición?

-Os rivais teñen coches moi bos, unha maquinaria moi superior á miña, pero hai que intentar dar o máximo e, co apoio da afección, estar loitando polo rali. Se non pensase que podo gañar, quedaría na casa.

-¿Cales son as súas armas fronte ao maior potencial dos seus competidores ao que se refería?

-A ilusión de todo o meu equipo, o público e tamén os neumáticos Pirelli, que son os mellores que hai no mercado agora mesmo. O meu coche foi moi competitivo, pero podemos dicir que con nove anos xa deu o que tiña que dar. A min nestas alturas da vida gustaríame correr cun mellor, pero necesitariamos vender esta unidade para poder optar a proxectos maiores.

-¿Coñecer os tramos pode ser tamén outro plus?

-Non creo que tanto. Hoxe en día todo o mundo prepara ben os ralis, é igual que sexan na Coruña ou aquí. Penso que o que máis pode influír é o apoio da afección.

-¿Hai tamén un compoñente de emotividade?

-Claro, é unha proba que gañei unha vez, que fixen podio cinco ou seis e que liderei outras veces nas que non puiden rematar primeiro por percances ou avarías. Tamén é unha proba na que competiamos moitas veces aínda que non sexa campionato de España por proximidade e polo mítico que é, que me criei vendo pasar os coches de carreiras por diante da miña casa en Vincios e querendo ser un día un daqueles pilotos. Foi un soño. Por iso sigo competiendo aínda que agora me dedique tamén á distribuión.

-¿Como son os tramos desta edición?

-Son dous días, cun primeiro tramo en Gondomar que adestraremos este xoves e do que xa se fixera un anaco nun rali da Serra da Groba. Logo xa nos iriamos ao sábado cun tramo novo en Mondariz e outro en Sabaxáns que se correu en moitas edicións do Rías. Pola tarde xa están os míticos de Salceda e Chenlo-Morgadáns. Son moi bonitos, bastante técnicos, uns máis rápidos ca outros e en xeral moi esixentes. Esperemos que todo trasncorra ben e que poidamos gozalo o máximo posible tanto os pilotos coma os seareros.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Alberto Meira: «Os coches dos rivais son mellores pero aspiro a gañar»