«O 2017 foi o ano da consolidación do Mexillón de Galicia»

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

VIGO

MARTINA MISER

O presidente de Mexillón de Galicia fai balance

06 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A piques de rematar a tramitación do novo regulamento da DOP, Francisco Alcalde bota contas do traballo feito durante a súa etapa como presidente do consello regulador.

-Parece que o 2017 foi un bo ano.

-Foi o ano de consolidación do Mexillón de Galicia. Foi excelente en canto a calidade, cun rendemento moi elevado; con 42 millóns de quilos de mexillón certificado, e con 73 operadores adheridos -iso a decembro, agora xa son 77-. A maiores, o Consello conta con recursos humanos e técnicos nos 16 portos de descarga de mexillón de toda a costa galega. No 2017 realizáronse máis de 14.000 controis de calidade comercial, e podemos presumir de que controlamos o cen por cento das partidas que optan á certificación, o que supón que o sistema de control da DOP ten a estrutura de control mais exhaustiva da rede oficial de control de calidade alimentaria. Pero todo iso non vale de nada se non arranxamos a situación do fraude na etiquetaxe.

-¿Como vai esa campaña?

-Este consello leva anos demandando que aquelas mencións que fan referencia a Galicia e non estean amparadas pola DOP son ilegais. Vímonos na obriga de acudir á vía civil e a resposta xudicial foi contundente e aclarou que a protección da DOP alcanza tamén ao mexillón transformado. A maiores, isto foi ratificado polo Parlamento Europeo, pola propia Comisión Europea e pola ministra de Pesca. E, ao final, á consellería do Mar cambiou o seu criterio e comprometeuse a apoiar a protección da DOP, dando instrucións tanto ao servizo antifraude de medio rural como ao Instituto Galego de Consumo, de que se lle asegure o cumprimento da normativa nas mencións dos envases do mexillón en conserva. De non corrixirse este fraude nun corto prazo, estudamos reclamar indemnizacións por danos e prexuízos as empresas que persistan na vulneración da protección da DOP.

-Nunhas xornadas organizadas por Opmega, o director xeral de Ordenación Pesqueira do Ministerio calificou de estéril esa batalla.

-O aumento no Consello de operadores e de bateeiros -hai 2.100 asociados nunha situación que se regularizará pronto-, di claramente cal foi o rumbo deste consello regulador nos últimos anos.

-Ese mesmo voceiro falou da necesidade de reordenar os espazos da acuicultura. A última Lei de Acuicultura xerou un malestar.

-Creo que se produciu un cambio de estratexia. Quedou claro o rexeitamento da xente do mar a unha lei que impulsaba un cambio do modelo produtivo. Visto iso, parece que agora se están a presentar iniciativas na Comisión de Pesca da UE para que ese cambio veña «imposto» desde alá. Nós xa emitimos alegacións ao respecto.

-Tamén se falou da necesidade de revalorizar o produto.

-Parte do noso obxectivo é transmitir que o cultivo do mexillón é algo máis que unha actividade sostible social e economicamente. É tradición, cultura... ¿Alguén imaxina as rías sen bateas? Intentamos transmitir eses valores e así conseguir unha maior valorización en todos os elos da cadea.

-O que está claro é que o proxecto de reactivar a mina de cobre de Touro, na ría, non gusta nada.

-Teñen uns dereitos mineiros adquiridos de 122 quilómetros cadrados, case 17.000 campos de fútbol. Prevese o vertido na cunca do Ulla de máis de 3.000 millóns de litros de augas contaminadas que permanecen na antiga mina. Pretenden facer entre seis e nove voaduras diarias, abrir dez enormes ocos a ceo aberto. Para extraer o cobre empregarán 15 millóns de quilos de compostos químicos, un deles sospeitoso de producir cancro. Os lodos contaminantes depositaranse en dúas inmensas balsas, unha delas cun muro de tres quilómetros por 80 metros de alto... Esta megabarbaridade vai producir prexuízos na zona.