«A nosa música é entendida rapidamente polo público»

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

MARCOS CREO

O grupo de música tradicional presentará mañá en Vigo o seu disco «Inda canto»

12 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Teatro Afundación acollerá mañá, ás 21.30 horas, un concerto de Treixadura no que presentará o seu novo disco, titulado Inda canto. Toniño López é un dos membros fundadores da formación tradicional.

?Por que este nome?

?Despois de 28 anos aínda temos cousas que dicir e ganas de cantar e pasalo ben. Por outro lado, refírese tamén ao noso país, porque temos unha cultura que ten moito que dicir, malia a presión que exerce a globalización sobre as culturas autóctonas. O título tamén é un agradecemento á xente que segue ao grupo e canta con nós.

?Esta é unha das singularidades de Treixadura?

?Si, se ten algo Treixadura é que a súa música é entendida polo público moi rapidamente. Os nosos concertos son unha conxunción de temas populares, algúns inéditos e outros clásicos, pero outros son compostos por nós, e a xente os canta coma se foran tradicionais. Para nós é un orgullo.

?Ese obxectivo estivo sempre presente?

?Si, sempre foi unha das metas do grupo: beber da música tradicional e, ao mesmo tempo, servir de eslavón para que a cadea non rachase.

?Como é o proceso de composición?

?Normalmente, Pablo Nogueira é quen aporta máis música. Despois facemos unha selección e a estudamos, ata que a rematamos. A selección facémola en función do que consideramos que é o grupo. Non é doado, porque moitas veces hai que compensar o disco para que non teña, por exemplo, músicas moi líricas e que non se incline cara a ningún lado. Que teña un pouco de todo.

?Hai algunha novidade na composición do grupo?

?Este disco leva un tema dedicado a Mingos Lorenzo, un dos compoñentes do Orfeón que faleceu hai un ano, e tivemos que integrar a outro cantante. Nos tenores tivemos unha baixa que suplimos co fillo dun dos gaiteiros, que contrasta moito na formación debido a súa xuventude. É Anxo Xesteira. Con el está chegando a Treixadura o cambio xeracional.

?É a posta en escea?

?Treixadura é un grupo de gaiteiros e, dende o principio, subimos ao escenario co traxe tradicional. Hoxe en día está isto moi asumido, pero cando nós empezamos, subir cinco músicos co traxe tradicional ao escenario estaba case que mal visto.

?Como vai ser o concerto de Vigo?

?Vai ser unha festa porque imos presentar practicamente todos os temas do disco e remataremos cos clásicos. Estou seguro de que a xente vai acabar de pé.

?Mantense a música tradicional na actualidade?

?No noso caso, si se mantén. Estamos a abrir un camiño nas comisións de festas. Estanse dando conta de que conxuntar unha orquestra e nós non é para nada incompatible. Esta música, se é música popular, ten que caber nunha verbena.