«Non son unha vítima, son unha supervivente»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

VIGO

MARTINA MISER

A historia de Esther pon os pelos de punta, pero sobre todo demostra que o pozo de maltrato ten saída

17 nov 2017 . Actualizado a las 17:03 h.

Esther García García (Rois, 1992) é moi nova, apenas 25 anos, pero a vida púxoa a proba xa dúas veces con dureza estrema. Esther é unha muller dona da súa vida e da súa estima, que ten recursos e alguén en quen confiar. Por desgraza, non sempre foi así. Non sempre a vida dunha muller está nas súas mans.

-¿Ten vostede fillos, Esther?

-Non, por sorte.

-¿Por sorte? É duro dicir iso.

-Cando hai un problema de violencia, ter meniños dificulta moito as cousas. Por iso falo de sorte. Eu pasei por dúas situacións de violencia. Primeiro coa miña exparella; despois co meu pai.

-Dobre vítima...

-Legalmente estou considerada vítima de violencia de xénero e vítima de violencia doméstica.

-¿Non son o mesmo?

-Dende un punto de vista legal, non. No fondo é o mesmo, porque quen a exerce está atacando a alguén da súa familia, pero o delito de violencia doméstica, aínda que pareza mentira, está menos penado có de violencia machista. Dende o cambio da lei, polo menos, os menores si entran nesa categoría. Ata entón eran considerados vítimas de violencia doméstica, non de xénero. Pero non me considero vítima.

-¿Por que non?

-Paréceme que é un termo que te estigmatiza. Eu non son unha vítima, non me tes que mirar con pena, son unha supervivente.

-Vostede é unha persoa nova. ¿Canto hai que sucedeu?

-Seis anos e medio. Primeiro foi a miña parella. Emancipeime moi pronto, os meus pais separáronse sendo eu moi pequena e co meu pai apenas tiven trato. Cando ocorreu o da miña exparella o meu pai apareceu de novo na miña vida, e cometín o erro de refuxiarme nel. Ao final, mantíñao eu, a el e á súa muller. Así que seis meses despois, logo da gran malleira, vinme outra vez no xulgado. Foi un ano terrible.

-Disque non sempre é doado decatarse do maltrato.

-Non. Coa miña parella foi unha cuestión psicolóxica ata que todo rebentou. Eu botei case dous anos sen ser consciente de que estaba padecendo un maltrato machista. Esmagábame, criticábame, apartoume do meu entorno. Durmía no chan. Vivía con el e tiña medo. Todo o que era acabei perdéndoo. Ata que un día me vin na fiestra, para saltar, e unha veciña, que saíu ao balcón, salvoume a vida. Ata que non pasou aquilo, ata que non toquei fondo, non cambiei o chip. Ese momento foi o que me fixo cambiar.

-¿Denunciou?

-Denunciei, pero tardei dous días. Non tiña moi claro que facer. Tiven sorte de ter comigo xente que me apoiou moito. Tiña que denuncialo, non xa por min, senón por se el chega a ter outra parella. Que se saiba que ten uns antecedentes, que quede constancia do que ocorreu. Iso pódelle salvar a vida a outra muller.

-¿Hoxe ten parella vostede?

-Teño. Custoume, ¿eh? Pero cando vin para Vilagarcía, comecei traballar e fixen un grupo de amigos. Xa antes de empezar a saír eramos amigos. Igual iso fíxoo máis doado. Se o superei foi en gran medida porque el estivo ao meu carón. E non é nada fácil convivir con alguén que ten pesadelos, que pasou dúas depresións moi fortes, que ao saír da casa mira sempre se hai alguén na rúa de atrás. Veño de recibir a alta psicolóxica e non foi fácil, pero mereceu a pena loitar.

-A súa é a demostración de que unha pode recuperarse.

-Si. Xa digo que o meu círculo de xente, a psicóloga, a psiquiatra, o grupo de apoio, o centro de información á muller, a xente que fun coñecendo polo camiño... Todos fixeron moito. Todo o que pasei fíxome a muller que son hoxe, unha muller moi forte da que estou orgullosa.

-¿Que me di do maltratador? ¿Tamén ten saída? ¿Cre que un maltratador pode cambiar?

-Poden darse certos casos puntuais. Alguén que se decate do mal que está a facer e se poña en mans de profesionais. Pero na maioría das ocasións creo que non. Non creo nese cambio. Un maltratador non é un enfermo. É alguén consciente dos seus actos.