«Seguín moito ao Porriño e é especial enfrontarme a elas»

M. V. F. VIGO / LA VOZ

VIGO

CEDIDA

A viguesa debutou este ano na élite co Granollers

21 oct 2017 . Actualizado a las 19:48 h.

Carmen Prelchi (Vigo, 1999) vive a súa primeira tempada na élite do balonmán feminino español. Formada no Seis do Nadal vigués, lembra que desde nena acudía a ver partidos do Porriño e como afeccionada a este deporte, animaba ao equipo da máxima categoría «de máis preto da casa». Agora volve a esa pista como xogadora de División de Honra do Granollers. Un partido moi especial no que se reencontrará con moitas amigas.

-¿Como están sendo as primeiras semanas no Granollers?

-Ben. Pensaba que ía ter menos minutos e que me ía custar entrar nas convocatorias, pero o adestrador está confiando en min, a acollida do grupo foi moi boa e a adaptación moi sinxela dentro de que é un salto importante.

-¿Tivo claro que era o momento de dar ese salto?

-O ano pasado, en Prata, sentinme moi cómoda e si que quería buscar novos obxectivos e pensaba que era o momento de arriscar. Penseino moito, porque nestes casos sempre aparecen as dúbidas, pero polo de agora todo está saíndo moi ben.

-¿Cales son as diferenzas que está a notar co cambio de categoría?

-O ritmo é máis rápido e a esixencia, máis alta. Require máis días de adestramento, máis traballo, hai xogadoras de fóra e de moito nivel. Con respecto ao Granollers, dáselle unha importancia moi diferente, hai carteis na rúa cada vez que xogamos.

-Vostede non xogou no Porriño, pero si se enfrontou a el na base. ¿É especial este partido?

-Si, este partido e o do Guardés son os da volta á casa, pero sobre todo o do Porriño, porque teño familia alí e é un equipo ao que seguín moito. Como afeccionada era o conxunto de casa na máxima categoría, fun velo e animalo moitas veces. É un clube especial, case todo con galegas, ten moito mérito. E entre elas está a porteira xuvenil Begoña, unha das miñas mellores amigas, e outras xogadoras nas que me fixei moito como Cacheda ou Sarai.

-O Porriño non tivo un bo comezo e vostedes chegan tras dúas derrotas seguidas.

-É certo que ao Porriño lle custou arrincar, pero creo que as dúas últimas fichaxes vanlles dar un plus. En canto a nós, gañamos con comodidade a rivais a priori do noso nivel e logo perdemos partidos nos que non xogamos ben, por iso imos con máis ganas aínda.