Lumiere aborda a diversidade sexual ao longo deste mes

La Voz

VIGO

O auditorio municipal acolle a proxección esta tarde da película «Stories of our Lives»

08 may 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

«Aínda que non existen estatísticas precisas sobre a proporción demográfica, parece que as chamadas minorías sexuais -non heterosexuais- representan un 5 % da poboación», comezan situando os responsables do Cineclub Lumiere o novo ciclo que empeza esta tarde.

«Tras analizar a discriminación para con estas minorías, a diferenza do que sucede coa discriminación racial ou a de xénero, non hai case ningún país do mundo cuxa constitución indique explicitamente o dereito ao trato igualitario para as persoas de calquera orientación sexual.

É contra finais do século pasado, cando o mundo asiste a un dos máis significativos cambios en materia de comprensión das relacións humanas e sociais: a conceptualización das relacións de xénero, e o posterior desenvolvemento de políticas, instrumentos legais, e mecanismos nacionais e internacionais orientados a reducir as disparidades», continúan sinalando. Os filmes deste mes abordan a diversidade sexual, e a expresividade e orientación sexo afectiva con relatos en primeira persoa.