«Os límites do humor están máis no receptor que no emisor»

La Voz

VIGO

PACO RODRÍGUEZ

O cómico de Carral afronta en solitario «Monólogo dun imbécil», unha obra que recibiu o Premio Max no 2003

25 ene 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

Están á venda as entradas para a obra do cómico Xosé Antonio Touriñán o venres 27 de xaneiro no Teatro Afundación. Trátase de Monólogo do imbécil, un texto de José Prieto que recibiu o Premio Max de Teatro en 2003.

-¿Non é un pouco arriscado un título semellante?

-Imbécil pode ser unha persoa impresentable, pero tamén pode ser alguén pouco listo e que lla xogan sempre. O meu personaxe é máis deste pau. É un tipo que non ten sorte na vida e todo o mundo lle di imbécil ata que case o acaba crendo. Despois de ver o monólogo, o espectador non sabe moi ben se o imbécil é el ou os que poñemos o cualificativo.

-¿Foille complicado subir só ao escenario?

-Neste caso, que é un monólogo teatral cun texto previo que me custou metelo na cabeza, é complicado. É unha hora de espectáculo na que está todo escrito e hai que dicilo como está escrito. Ao estar só no escenario e non haber ninguén en quen apoiarse faise máis complicado; cando vou con outro actor, coma no caso de Curtis, tes un salvavidas ao lado. Para min é máis divertido traballar con outro actor, pero neste caso quedou un traballo chulo.

-¿Foi unha especie de proba para vostede como actor?

-Si, pon a proba a miña capacidade como actor. Ao final, o traballo dun actor é ir facendo cousas e preparándose para un día, non sei cando, ser un bo actor. Esa é a miña intención. Hai que ir probando cousas, estar en zonas de non confort para ir medrando e ir aprendendo e coñecerse mellor a un mesmo.

-¿Valora a posibilidade de abandonar ocasionalmente o humor para probar outros xéneros?

-Depende do traballo, pero na miña situación actual sería complicado abandonar o humor, algo que non me apetece tampouco. Eu estaría encantado de que me chegasen outras propostas. Esta é unha profesión moi chula porque te permite facer cousas distintas a diario.

-¿A través do humor pódese falar de calquera cuestión?

-Eu creo que si. Iso xa non está en quen o conta senón en quen o recibe. A maneira máis suave de entrar en calquera tema é a través do humor. Nós acabamos de rematar un espectáculo que é Curtis e Teixeiro, que se baseaba en iso, en situar os límites do que se pode contar enriba dun escenario e onde están os límites do humor. Eu creo que está máis no receptor que no emisor. Eu creo que todo se pode contar e é máis fácil de contalo dende o humor.

-¿Perséguelle o éxito das súas personaxes televisivas?

-É beneficioso para min. A popularidade miña ven dada polas cousas que fago na televisión; que me vexa un montón de xente na tele é bo para que despois cando vas ao directo se encha o teatro. Unha porcentaxe grande ven esperando ver o que ve na televisión, aínda que aquí é distinto, pero ninguén queda decepcionado. É unha vantaxe profesional, aínda que a nivel persoal hai que ter coidado de non facer cousas raras porque todo o mundo che coñece. No meu caso, todo o mundo me demostra moito cariño e eu estou encantado.

-¿Como foi a experiencia de El Club de la Comedia?

-Foi un máis, aínda coa dificultade relativa de facer un anaco dun espectáculo en outro idioma, porque eu falo e penso en galego sempre. Estiven un pouco nervioso cando arrancamos, pero disfruteino moito. Estou moi contento, especialmente porque a xente de aquí estea orgulloso do que eu fun facer a Madrid, porque temos as veces un sentimento de inferioridade.