«O director Jorge Coira vai ter moito recorrido no eido do teatro»

La Voz

VIGO

. m. moralejo< / span>

O auditorio municipal acolle a segunda representación da obra de teatro «Get Back»

08 oct 2016 . Actualizado a las 04:00 h.

O auditorio municipal acolle, ás 21.00 horas, a representación da obra Get back, dirixida por Jorge Coira sobre un texto de Diego Ameixeiras. No escenario estarán Tamara Canosa, Miguel Guido, Federico Pérez, Mercedes Castro e Alfonso Agra.

-¿De que vai esta obra?

-Duns emigrantes galegos que coinciden nun vagón do metro de Londres. Xurden entón os problemas da emigración. É unha obra moi actual.

-¿Ten algún significado o metro?

-Non, pero si marca o desenvolvemento da obra, porque ao estar pechados nun sitio onde non se pode escapar obrígaos a falar. O feito de ser un metro facilita tamén que haxa espazo para moverse os personaxes. Está moi ben conseguido o metro.

-¿Como foi o traballo co director Jorge Coira?

-Eu levaba anos sen facer teatro. Ademais é un medio moi duro que non se parece a traballar nunha serie de televisión ou no cine onde tes máis amparo. Eu xa traballara con el noutros medios. Comprendín por que el consegue logros importantes; é porque ten fe no que fai. Ademais é un home que sempre está de bo humor e, aínda por riba, ten talento. Penso que vai ter moito recorrido no eido do teatro. Como axudante tivo a Víctor Duplá, un home de teatro de toda a vida.

-¿Que supón para o teatro galego renovar os directores e tamén os autores, como Diego Ameixeiras?

-É fantástico. Levar unha historia de hoxe, con algunha xente novata pero con talento e un equipo variado, me parece fenomenal. O resultado foi moi bo, non vai decepcionar esta obra. Que sexa un bombazo xa depende de outras cousas como o momento que teñamos os actores.

-Novidosa tamén foi a presentación da obra nun vitrasa. ¿Como o viviron?

-Moi divertido. A xente non esperaba nada. Nós iamos vestidos de normal e empezamos a discutir con cachiños pequenos da obra. Eramos só tres actores e os diálogos que temos dos tres son curtos porque na obra estamos todo o tempo os cinco en escena. A xente sorprendeuse moito ao principio ata que empeza a recoñecer aos actores. Aí xa houbo sorrisos.

-Moitos o recoñecerían polo seu papel en «Serramoura». ¿Como está vivindo esta experiencia?

-Estou moi contento porque non é nada doado entrar nunha serie en Galicia. Curiosamente, cando me presentei ao cásting de Serramoura tamén o fixen para outras dúas series e só me elexiron para esta. O curioso e que as outras dúas non funcionaron.

-E aquí xa empezando o terceiro ano de gravación.

-Si está funcionando porque sigue mantendo o interese. O guionistas están tolos porque xa non saben que facer. Ao levar dous anos xa, os actores teñen moita máis elasticidade e os seus traballos son mellores que ao principio e iso tamén é unha maneira de que funcione a serie.