«Os contos son a imaxinación infantil en estado salvaxe»

O escritor presenta hoxe na Feria do Libro de Vigo «Contos Nerviosos», unha obra xuvenil de relatos


Vigo / La Voz

O escritor, periodista e editor Fran Alonso presenta hoxe ás 20.00 horas na Feria do Libro de Vigo a súa nova obra, Contos nerviosos, acompañado pola xornalista Teresa Cuíñas, coa que manterá unha conversa,  e polo director de Embora Edicións, Miguel Toval.

-«Contos nerviosos» son catro contos. ¿Que teñen en común?

-Que os protagonistas se moven dentro dunha fantasía do disparate, profundamente infantil, e tamén que se funden, ata confundirse (como sucede, cada vez máis, na nosa sociedade) nesa realidade que mestura sen decatarse o real co virtual. Iso é algo que procede dos videoxogos, de Internet e da nosa relación coas tecnoloxías actuais.

-¿Por que nerviosos?

-Porque teñen que ver co disparate, coa imaxinación infantil en estado salvaxe. E o disparate é moitas veces produto da tensión nerviosa, da forza imprevisible do incontrolado. O xogo infantil é moitas veces disparatado.

-A obra se encadra como literatura xuvenil. ¿Fixo estas historias xa pensando nos rapaces ou adaptounas ao que iba saíndo?

-Todo o mundo di que son historias atractivas para os adultos, pero eu cando escribo literatura infantil e xuvenil, penso nese público. Non hai dúbida de que condicionan o proceso creativo. Paréceme bo recoñecelo.

-¿Para que idades?

-Eu creo que a idade ideal son os dez ou once anos. A principal valedora deste libro é a miña filla, que é moi crítica con outros libros meus. Creo que é un libro que lle gusta moito ao público infantil polo seu humor e polo tipo de personaxes que ten.

-¿Gústalle, en xeral, a idea das feiras do libro?

-Son necesarias para achegar o libro á xente, pero necesitan un revulsivo, buscar confluencias e facelas máis vivas. As Feiras do Libro teñen que formar parte da vida cultural e social da cidade e as intitucións deben poñerse ao dispor da organización porque constitúen un evento de referencia en calquera sociedade desenvolvida. A min, en xeral, gústame moito o modelo portugués, que o temos aí ao lado.

-¿Como autor, séntese cómodo acercándose ao lector?

-A pesar de que maiormente son un tipo tímido, gústame o contacto directo cos lectores e gozo moitísimo nos encontros nos centros de ensino ou literarios.

-¿Como vai o proxecto dixital Poetic@?

- Poétic@ pode ser un proxecto permanentemente vivo, aínda que agora quero seguir probando e experimentando na literatura electrónica por outras vías. Entendo o labor do escritor como unha busca permanente.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Tags
Comentarios

«Os contos son a imaxinación infantil en estado salvaxe»