«Quero estar no podio do nacional»

O deportista do Rías Baixas considera que chega nun gran momento ao Campeonato de España


Vigo / La Voz

Adrián Valverde (Baiona, 1994) conta as horas que restan para competir no Campeonato de España de ciclocrós de seleccións que se desputa dende mañá en Torrelavega. O ciclista do Rías Baixas acode co obxectivo de facerse un sitio no podio, despois de proclamarse campión da Copa Galicia.

-¿O obxectivo irrenunciable é estar no podio do nacional?

-Quero entrar no podio de Sub-23 e tentareino, porque gañar é moi complicado. O outro corredor que seguramente gañe é o que se impuxo prácticamente todas as carreiras da Copa de España, así que o meu reto é estar no podio. Entrar entre os cinco primeiros tamén sería un bo resultado.

-¿Como foron as súas anteriores participacións?

-En ciclocrós participei noutros dous campionatos e non me foi mal. O meu primeiro ano quedei de 13 en Sub-23 e o segundo ano fun sétimo. Fun mellorando, e a ver se este ano, por fin, chega o podio.

-¿Chega a Torrelavega nun bo momento?

-Agora mesmo atópome moi, moi ben de sensacións e de pernas. No Campionato Galego o meu rival foi moito máis forte e por iso me gañou, pero de sensacións fun ben. O ano pasado atopárame un pouco máis fatigado nestas últimas carreiras, mentres que agora estou máis fresco, así que a ver se as sensacións se traducen no podio.

-¿O circuito xoga ao seu favor ou na súa contra?

-É un circuito totalmente plano que se vai facer moi rápido. Se está chovendo pódese facer moi duro, senón, hai que estar pedaleando constantemente, non hai zonas técnicas nas que respirar, é de ritmo constante, e a min eses circuitos vanme ben. Así que vexo boas opcións.

-Vén de proclamarse campión da Copa Galicia. ¿Que valoración fai ata o de agora da tempada?

-Considero que boa. Cando comecei sufrín unha fractura de escafoides que non me permitiu correr máis carreiras en España e pensei que iso me perxudicaría, pero ao final veume ata ben. Estiven parado un mes e grazas a iso cheguei nun moi bo momento á Copa de España de ciclocrós, na que acabei terceiro Sub-23. En Galicia tamén estou moi contento co meu rendemento, estaba tamén quedando entre os tres primeiros da xeral e con dúas vitorias xerais, en O Rosal e Viveiro, e gañando o absoluto da Copa Galicia. No Campionato Galego fun quinto na xeral, foi unha das peores carreiras que tiven a pesar de que o dei todo. 

-¿Considera que este ano deu un paso adiante en canto a rendemento?

-Xa non este ano, senón tamén o ano pasado. Notei este gran paso gracias a Óscar García, o meu adestrador. Con el mellorei moitísimo, aprendín a traballar o físico, pero sobre todo a afrontar as carreiras mentalmente. Axudoume a saber lelas e foi neste tempo cando me desarrollei como ciclista.

-¿Vai animarse por fin a practicar estrada?

-Os seguintes obxectivos serán xa probas de mountain bike, practicarei estrada só para adestrar.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

«Quero estar no podio do nacional»