«Gustaríame non ter pasado pola SGAE»

Begoña Rodríguez Sotelino
begoña r. sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO

O vigués presenta hoxe en Librouro a súa nova obra poética interactiva e anuncia o retorno dos Resentidos, con disco coa Banda Lira

10 dic 2015 . Actualizado a las 09:50 h.

Algo raro pasa raro, recén publicado pola editorial La Oficina en edición bilingüe en galego e castelán, é o novo libro de Antón Reixa e hoxe ás 20.00 horas o presenta na Librería Librouro (Eduardo Iglesias, 12). A obra, prologada por Agustín F. Mallo, conta coas ilustracións do pintor Juan Ugalde e cunha edición dixital interactiva con música, voz e vídeo amais de texto.

-¿Ten un fío condutor o poemario?

-Como case todo o que escribín eu, é unha obra feita desde a perplexidade que ten certa melancolía. Está formada por tres partes. Unha delas chámase 8.000 e parte do cálculo de que un ano ten oito mil e pico horas. A min paréceme insoportable o paso do tempo e fun escribindo reflexións na contra diso. Outra é Cacofonías e fala de contrastes e paradoxos, poñendo sobre o papel materiais que non son literarios até que toman esa forma, e finalmente hai outra parte chamada Zoofilia, pero non porque eu teña una perversión especial, senón porque fago unha comparanza entre a vida humana e a animal, da que por certo saen mellor parados os animais, que levan máis tempo sobre a Terra.

-¿Escribiu no orixinal en galego ou en castelán?

-En galego, coma sempre, aínda que se fixo unha edición bilingue e ademais da edición en papel, a dixital, tamén moi coidada. Os compradores do libro terán acceso libre a ela e poden disfrutar dalgún recital, de audio e vídeo e das ilustracións de Juan Ugalde, un traballo do que estou moi contento.

-¿En qué contexto xurdiron as ideas?

-A miña actividade de creación máis constante sempre foi a poesía e este libro está escrito cunha certa coraxe porque o fixen cando saio da SGAE, na que estiven 14 meses, un tempo que foi moi estéril creativamente. Lamentablemente, a miña saída truculenta, na que sufrín un verdadeiro asalto informático, os poucos poemas que fixen quedan secuestrados no ordenador que utilizaba alí. Por esa rabia empecei a escribir cunha certa fogosidade, para conxurar o mal fario.

-¿Entón o título tamén fai referecia a esa etapa?

-Si. Coindide cunha época da miña vida peculiar, na que fixen cousas que eu nunca pensara. Nesa etapa política me gustaría non ter pasado pola SGAE. Ao final sempre se escribe contra algo.

-¿E que pasa cos Resentidos?

-Que imos voltar. No 2012 fixemos 30 anos e con motivo do disco homenaje fixemos varios concertos. No 2016 cumprense 30 anos de Galicia Canibal. Para a ocasión preparamos un disco en colaboración coa Banda Lira, a máis antiga de Galicia, coa que gravaremos temas antigos e novas con arranxos de big band.