Unha exposición mostra a identidade galega da emigración en América

VIGO

O Consello da Cultura inaugurou o proxecto «Galicia imaxinada nas revistas da emigración» na Casa Galega da Cultura de Vigo

10 nov 2015 . Actualizado a las 23:50 h.

«A diferenza de moitas outras experiencias migratorias europeas, coa probable excepción da irlandesa, a emigración galega a América foi capaz de actuar como unha sorte de fractura social inversa, creando esa identidade desde fóra e non pola chegada de continxentes demográficos», explicou onte Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, durante a inauguración da exposición Galicia imaxinada nas revistas da emigración, que permanecerá ata o próximo 6 de decembro na Casa Galega da Cultura de Vigo.

O proxecto expositivo, que non esquece que foi esencial a emigración para darlles pulo ao himno e a bandeira galega, así como a moitas institucións culturais e educativas, centra o seu discurso no papel que desenvolveron as revistas editadas en Cuba, Brasil, Uruguai, Arxentina e Chile nos derradeiros anos do século XIX e os comezos do XX.

Dende a outra beira do océano aquelas revistas, como Céltiga, Suevia, Almanaque Gallego, Eco de Galicia ou Tierra Gallega, convertéronse nun espello americano de Galicia, aínda que ás veces amosasen «olladas inxenuas». «O máis orixinal do proceso migratorio galego está no feito de que non crebou a relación coa terra de orixe, de modo que foi posible un constante efecto retorno desde América cara a Galicia», engadiu o profesor Villares.

A comisaria Chus Martínez Domínguez foi seguindo, mediante paneis, fotografías e exemplares de revistas da época, aos principais actores e actrices daquela apaixonante historia. Nomes como Fortunato Cruces, Eduardo Blanco Amor, Eliseo Pulpeiro ou Roberto Blanco Torres, todos promotores e colaboradores nas cabeceiras americanas.

Non esquece a comisaria o papel das sociedades, como o Centro Galego da Habana, a Casa de Galicia de Montevideo ou o Centro Galego de Bos Aires, espazos culturais tan ou máis activos que os que na mesma época había en Galicia.

Aínda que Alfar e Vida Galega eran revistas editadas respectivamente na Coruña e en Vigo, mantiveron ao longo da súas respectivas traxectorias unha mirada continua cara ás cidades galegas en América.

Esta exposición retrata a Galicia dos emigrantes: a real e a idealizada, segundo explicou a comisaria. «Fala dos significados da mirada cotiá, coa que observan ás persoas, á paisaxe, ao patrimonio e á política. Tamén aos sentimentos máis profundos vinculados co amor á patria e coa saudade polo deixado atrás», detallou Chus Martínez.

A exposición pódese ver, de luns a venres, entre as 18 e as 21 horas; os sábados, de 12 a 14 e de 18 a 21 horas; e os domingos, entre as 12 e as 14 horas.