O terceiro satélite vigués vai á Estación Internaciona

Jorge Bravo VIGO / LA VOZ

VIGO

O «Serpens» viaxará á EEI abordo dunha nave xaponesa, e unha vez no laboratorio orbital un robot o despregará

24 jul 2015 . Actualizado a las 23:57 h.

A Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo conta os días para que o nanosatélite Serpens orbite dende a Estación Espacial Internacional, o próximo 16 de agosto. Este será o terceiro que lancen, tralo Xatcobeo e o Humsat, nos anos 2012 e 2013 respectivamente.

O proxecto Serpens, impulsado dende a Agencia Espacial Basileira, é «a consolidación da internacionalización das nosas actividades», explicou Fernando Aguado, coordinador da Agrupación Aeroespacial. Este satélite conta con catro estacións en terra e unha vintena de sensores que enviarán datos ambientais a través de frecuencias de radio.

Os enxeñeiros Diego Nodar, Alberto González e Antón Vázquez, partícipes do proxecto en Vigo, viaxaron ata Brasil para a integración e test do satélite na última fase do proxecto hai dous anos, e cualificaron a experiencia de «moi positiva», pois «non tiveramos a oportunidade de traballar con outros equipos de xeito continuado», o que lles permitiu «ver outras formas de traballar e mellorar, por suposto», explica Diego Nodar. Ademais, Fernando Aguado lembra que grazas o «éxito acadado cos anteriores satélites», a profesora Chantal Cappelletti da Universidade de Brasilia «contratounos como grupo recoñecido para darlle soporte tecnolóxico ao proxecto». O Serpens está dividido en dous sectores, desenrolado o segundo deles pola Universidade de Vigo, e que inclúe unha plataforma de altas prestacións e unha carga útil evolucionada do Humsat, «que inclúe melloras baseadas nos datos en órbita do satélite», detallou Aguado. A participación da agrupación será fundamental tamén durante a operación de despregue de sensores durante a fase de lanzamento.

Fase final

Este proceso levarase a cabo o 16 de agosto en Tsukuba, Xapón, momento no que se producirá a integración final no lanzador e estará listo para ser enviado á Estación Espacial Internacional (EEI). Nese momento, serán os propios astronautas alí aloxados quen poñan na órbita final o Sepens «coa axuda dun brazo robótico», explicou Alberto González, partícipe vigués do proxecto. As antenas do satélite despregaranse entón e se recibirán os primeiros datos de comprobación, para comezar o seu traballo unhas dúas semanas despois. Ademais de Vigo e a Agencia do Brasil, participou tamén California con dous centros e Roma, coa colaboración da Sapienza Universitá.

Antón Vázquez considerou as auditorías de seguridade da Axencia Espacial Xaponesa como o momento máis delicado do proxecto ata a data. «Afortunadamente non tivemos problemas e obtivemos a autorización para lo lanzamento», lembra. Os membros do proxecto coincidiron no indispensable dunha boa «coordinación e traballo conxunto » entre os centros «para minimizar os riscos globais». Mentres tanto, a Universidade de Vigo prosigue co desenvolvemento de satélite Femtoxat.