«Pídolle contas a Blanco Amor polo seu comportamento como gay»

A viguesa presenta esta tarde unha novela vencellada a «A Esmorga»


vigo / la voz

A escritora Ledicia Costas e o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, acompañarán a María Xosé Queizán esta tarde, ás 20.00 horas na librería Andel, na presentación do seu novo libro titulado A boneca de Blanco Amor. A autora viguesa retoma dous dos personaxes que forman parte da trama do libro de Blanco Amor, A Esmorga. Trátase dunha novela a medio camiño entre a pura ficción e a investigación histórica que permitirá coñecer mellor o universo vital e creativo do autor ourensán.

-Algún crítico dixo que este era un libro de libros. ¿Está de acordo?

-Non, non estou de acordo. Si está moi baseado en A Esmorga en certo aspecto, pero nada máis.

-O dicía porque tamén o relacionaba co libro de viaxes Chile a la vista, tamén de Eduardo Blanco Amor.

-Claro que Blanco Amor estivo alá e que Chile está moi presente en A Esmorga, e tamén a boneca de A Esmorga, que é no que eu baso a idea fundamental do libro. Por outra banda, Chile está completamente presente na miña obra. Blanco Amor dixo que Chile non era un país, que era un vicio, e eu tamén o creo. Os dous quedamos bastante fascinados por Chile, el escribiu Chile a la vista, e eu escribín Meu pai vaite matar, o ano pasado. Os que estamos na historia da literatura galega estamos dentro dun círculo no que nos movemos e dalgunha maneira hai sempre un recoller. Creo que iso é fantástico para facer cousas diferentes.

-Vostede parte dun feitos máis ou menos coñecidos para tecer unha historia.

-Si, o que eu fago é recuperar unha personaxe que Blanco Amor a deixa simplemente como o que ten a boneca. A boneca, que foi clave para min para escribir o libro, tamén é clave en A Esmorga. É máis que unha boneca porque suscita desexo dun dos esmorgantes que o leva a rachala e á violación, é dicir ten un

papel moi importante, non así o seu dono. Pero eu o recupero e convértese en fundamental na miña novela.

-¿Alude dalgunha maneira a Blanco Amor na novela?

-Eu pídolle contas e lle digo o que non lle dixen en vida.

-¿A que se refire?

-Ao seu comportamento como homosexual.

-¿Por non falar abertamente da súa condición?

-Si, a homosexualidade marcou a súa vida, incluso tivo que marcharse de Ourense. Eu vivín o regreso de Blanco Amor a Galicia, coñecino cando xa era moi maior e puiden comprobar, e estiven en conversas con outros persoeiros galegos do seu tempo, como era o trato, como o feito de ser homosexual lle dificultaba moitas cousas. Moita xente falaba moi ben del pero logo non eran amigos como podían ser entre eles. Sempre estaba presente aquel estigma. El viviu iso con moita dor. A pesar de que era un home moi orgulloso non fixo o que eu penso que debería ter feito.

-¿E non era tempos difíciles para facelo?

-Dada a intelixencia de Blanco Amor nunca debeu tolerar semellante impostura. Ademais creo que de non tela tolerado houberan sido diferentes a súas relacións. O que menos pode facer unha persoa é darlle a razón aos que teñen prexuízos. Debeu manter unha postura de orgullo como a tiña en outras cousas.

-¿Que lle pareceu a versión cinematográfica de A Esmorga?

-Estiven na estrea en Ourense. Gustoume. Axústase moito á novela e resolve aspectos nada doados; o guion é moi bo, a interpretación é magnífica e os escenarios tamén. Eu que non son nada partidaria do cine nin galego nin español porque me gusta o cine ben feito, e non estou para volver a empezar, quero dicir que son bastante intransixente. Sen embargo, creo que esta é unha película exportable perfectamente e de gran interese porque a obra o ten, polos seus personaxes cheos de vida. Penso que podería concorrer perfectamente ao Oscar en idioma estranxeiro.

-¿Como lle vai co seu blog?

-A verdade é que non me entero, son un desastre. Todo o tempo me é pouco para escribir ou para ler aquilo que necesito e por iso desatendo bastante as cuestións sociais. Non estou ao loro. A min encántame a opinión, encántame a comunicación. Se ti les e reflexionas sobre as cousas podes dicilas para o seu debate. Eu estou moi metida na comunicación e non ter onde comunicar séntame fatal.

-¿E non podía suplilo co blog?

-No blog non me enteiro que pasa.

-¿Ten algún proxecto inmediato?

-O vindeiro mes voltarei publicar, sairá unha novela miña en Xerais, que é a editorial onde publico habitualmente.

-¿Por que publicou nesta ocasión con Galaxia?

-Ten que ver con que Galaxia ten os dereitos da obra de Blanco Amor e era lóxico que se publicara aí.

-¿E o novo libro?

-Podo dicirte que supoño que vai ser moi polémico, é unha tremenda comedia e traxedia ao mesmo tempo. Unha novela que se titula Eu son noxento xa te da unha idea do contido. Bueno, o da polémica non se sabe porque eu son unha escritora moi silenciada e, as veces, as polémicas en torna a min son de café. Por exemplo, o libro sobre Pondal foi moi polémico pero ninguén escribiu en contra do que eu dixen, entre outras cosas porque creo que estaba clarísimo. Só Paco Rodríguez dixo que ese libro era unha estupidez, bueno.

maría xosé queizán escritora

«Eduardo debeu manter unha postura de orgullo respecto a súa homosexualidade»

«Estou moi metida na comunicación e non ter onde comunicarme séntame fatal»

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«Pídolle contas a Blanco Amor polo seu comportamento como gay»