«O meu libro é unha novela de amor pero tamén de misterio»

O autor presenta esta tarde «Tes ata as 10», unha obra de intriga que ten de fondo o ambiente tardofranquista en Vigo


vigo / la voz

O escritor Francisco Castro (Vigo, 1966) presenta, ás 20.00 horas na Casa do Libro, a súa nova novela titulada Tes ata as 10, acompañado pola autora Inma López Silva e o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes.

-O título ten algo de Agatha Christie. ¿Estamos ante unha novela de misterio?

-É ante todo unha novela de intriga. Levo todo o día escoitando a xente que me chama para dicirme que non poden parar de ler. Está protagonizada por un editor vigués que vive na Coruña e que o seu pai dirixe un xornal. Ao día seguinte da morte repentina do seu pai, recibe un correo electrónico, enviado nese momento, do pai no que lle di que ten ata as dez. É unha novela de amor e amores e tamén de misterio.

-De fondo, a novela ten uns feitos acontecidos hai anos. ¿Son históricos?

-Si, a novela repasa un momento do final do franquismo. En aquela época confusa, que moita xente tiña claro que o réxime caía pero ao mesmo tempo o réxime non caía. Pasaron cousas naquel momento que a prensa non podía contar debido á censura.

-¿Como se mantén a tensión durante toda a obra nunha novela de misterio?

-Non sei moi ben cal é a clave, imaxino que ser capaz de empatizar coas emocións. A xente que a está lendo, dende compañeiros da editorial ata xornalistas, as primeiras críticas falan de que sobre todo é emocionante, que é como unha montaña rusa, e é como estar caendo todo o rato da montaña rusa.

-¿Hai algunha relación entre esta novela e outros momentos da súa longa traxectoria?

-Creo que é unha novela bastante coherente con todo o anterior, no sentido de que é unha novela que intenta interpretar a realidade, falar de quen somos como país, pero tamén é unha novela que ten eses dous compoñentes que están en toda a miña obra, que son a denuncia social e a importancia do amor como motor de todo. Por iso digo que é unha novela de intriga e misterio pero tamén de amor e de amores.

-¿Cal é o seu obxectivo como escritor?

-Eu escribo porque non me queda outra. Porque a literatura é unha forma de comunicación, aínda que sexa un acto moi solitario; incluso, cando morramos, alguén nos lerá e estaremos comunicando. Pero eu tamén adoito dicir que escribo para cambiar o mundo, de aí o compoñente de denuncia que hai sempre na miña obra. Escribo para falar de problemas nosos e reflexionar sobre eles e dar a miña ollada sobre eles.

-¿É esa a razón de ser un autor tan prolífico?

-Imaxino que si. A verdade é que levo moitos anos publicando un libro ao ano, e gustaríame ser quen de manter este ritmo. A vida é moi curta, teño moitas cousas que contar, moitas cousas que ler, moitas cousas que vivir e, polo tanto, namentres o corpo aguante tentarei levar a miña produción a este ritmo.

-Na súa obra hai moita variedade. ¿Ten a intención de innovar cando escribe?

-Podería parecer incoherente coa resposta anterior, pero non o é. A miña obra responde a unhas pulsións moi claras que se repiten, sen embargo intento que cada obra sexa diferente. Por exemplo, é a primeira vez que escribo en primeira persoa. Os narradores escapamos dela porque é moi complicada. É o gran reto, que cada libro, sendo coherente co que son, sexa distinto.

-¿Hai algo seu na personaxe?

-Toda a nosas obras son autobiográficas sempre, pero neste libro, é con diferenza a miña obra máis autobiográfica porque o protagonista é quen máis se parece a min de todas as miñas creación. Nesta ocasión son eu o 80 % da personaxe.

francisco castro escritor

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

«O meu libro é unha novela de amor pero tamén de misterio»