Nace a escola de verán da Fundación Novacaixagalicia dirixida ós nenos

Brais Cedeira / J.L. VIGO / LA VOZ

VIGO

As actividades de ocio custan 150 euros por quincena no mes de xullo

24 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A Fundación Novacaixagalicia estrea no vindeiro mes a primeira edición da súa escola de verán en Vigo, unha nova proposta que abrangue actividades didácticas de todo tipo, dirixidas en gran medida ós máis pequenos da casa.

Procurando ofrecer contidos de carácter personalizado, a escola de verán terá lugar en dúas quendas na primeira e segunda quincenas do mes de xullo. Cun horario flexible desde as 8.00 ás 16.00 h, as actividades procurarán fomentar nos participantes o coñecemento lingüístico, a riqueza da flora e fauna galegas ou as vantaxes do exercicio físico por un prezo de 150 euros por quincena. Os interesados en recibir información poden contactar co persoal da fundación nos teléfonos 986 129 032 ou no 986 120 088. Para levar a cabo a inscripción, poderase formalizar a matrícula na páxina www.servinova.com ou ben no número 902 504 500. Os programas destas actividades de lecer nos meses de verán poden atopalas na páxina web www.obrasocialncg.com .

O programa desenvolverá actividades personalizadas en función da idade dos participantes. De 4 a 7 anos poderán exhibir as súas dotes teatrais no obradoiro Teatro e máscaras, que terá lugar no centro Social durante tres días do mes de xullo e en horario de 11.00 a 13.00 h. os nenos destas mesmas idades terán a oportunidade de exhibir a súa creatividade durante dúas xornadas no obradoiro Pinta e personaliza as túas camisolas. Por outra banda, de 8 a 14 anos a proposta vai encamiñada a iniciar ós participantes no uso das novas tecnoloxías. No obradoiro Deseña a túa web os participantes aprenderán a crear o seu propio sitio na Internet. Naturnova, que colabora coa Fundación Novacaixagalicia, organiza as súas propias actividades en programas de tres xornadas, adicadas os martes ós astros, mares e mareas, os mércoires aos bosques e os xoves ás abellas.

Décimo Campus Camp

Por outra banda, a Universidade de Vigo abre as súas portas aos fillos e fillas do persoal e do alumnado. Máis de 170 nenos e nenas participan nesta décima edición que comezou na mañá de onte. Despois da acollida, os participantes,dividíronse en catro grupos segundo a idade para realizar diversas actividades.

Os grupos contarán tanto con actividades en común como con outras máis adaptadas á idade. Os cativos disfrutarán de contacontos, de cociña ou de cultivo. Os maiores ensaiarán teatro e iniciaránse en escalada ou actividades de orientación, sen esquecer festas temáticas de disfraces.