«Nos meus libros sempre están presentes as persoas diferentes»

alejandro martínez VIGO / LA VOZ

VIGO

Eduardo Castro

A autora acaba de publicar en Edicións Xerais a obra «Recinto Gris», unha denuncia do totalitarismo

23 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Ledicia Costas non lle dá a espalda á realidade cando escribe e na súa última obra, Recinto Gris, recorda o episodio máis sinistro da historia recente da humanidade para expresar a súa preocupación polo auxe dos movementos radicais de dereita en toda Europa.

-¿Que é o recinto gris?

-É unha denuncia dos sistemas totalitaristas. É unha distopía, un mundo gobernado por lobos que levan a campos de concentración a aquelas persoas que non encaixan no seu deseño social porque son diferentes, como enfermos, tolos, persoas albinas, con síndrome de Asperger, como a protagonista da novela, aos que lles rouban a identidade. Vén sendo unha metáfora do holocausto nazi, e una defensa das persoas que son diferentes, polas que sinto debilidade. Sempre están presentes nos meus libros.

-¿Por que lle atraeu esta temática?

-Estiven case dous anos lendo sobre a Segunda Guerra Mundial, vendo documentais e lendo moitas novelas, ensaios e enciclopedias. Dese traballo de documentación empapándome de cousas, saíron esta novela e un libro de relatos titulado Un animal chamado Néboa, que tamén vai publicar Edicións Xerais este ano, centrados na Segunda Guerra Mundial.

-¿Que tén a obra de actualidade?

-Están agromando movementos radicais de dereita en Europa e paréceme un fenómeno moi preocupante. Creo que a sociedade en xeral hoxe en día está enferma. Estamos pasando por un momento moi complexo. Escribín a obra por iso. Nos programas de ensino case pasan de longo do holocausto. Creo que é necesario que o profesorado se esmere un pouco neste tema tal e como vai esta sociedade para que o coñezan os estudantes.

-A súa literatura sempre está vinculada coa realidade social?

-Case sempre teño esa tendencia. O libro anterior, O Corazón de Xúpiter, trata o tema do ciberacoso e o acoso escolar. Normalmente intento estar atenta ás problemáticas sociais. Creo que é unha laboura dos escritores, de advertir un pouco, xa que temos ese instrumento para chegar á sociedade.

-¿É fácil para un escritor chegar os lectores?

-Non, e menos escribindo en galego e neste momento tan complexo. A cultura non interesa e en galego estamos absolutamente relegados. A xente non le en galego. En xeral somos un pouco invisibles. Estamos fóra do consumo. Os estudantes só mercan os libros en galego que lles mandan os profesores.

-Por que?

-A cultura en xeral está marxinada porque aos poderes públicos non lles interesan cidadáns con capacidade crítica. Interesa todo o contrario e a cultura é unha arma perigosa.

-Que sente cando escribe?

-Tomo a escritura como un traballo. Escribo moitas horas ao día. Fago una xornada laboral practicamente completa. Non creo nas musas. Creo no traballo e na evolución a base de horas diante do ordenador, do dicionario e da lectura.

ledicia costas escritora e abogada