A doenza da corrupción

Óscar Lomba TRIBUNA

VIGO

22 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha epidemia xeralizada está envelenando o organismo colectivo, a corrupción está matando as nosas institucións e descompoñendo o noso corpo social. As partes aínda sas do aparello institucional non conseguen sequera enfrontar a descomposición moral, rápida e paulatina, do noso país. Este é o cadro xeral do enfermo chamado Galicia, e agochar a gravidade desta doenza só contribúe a poñer placebo na terapia de recuperación.

Corrupción non é só o quebrantamento da obriga de servizo público practicada polo político ou xestor administrativo, non é só a prevaricación, as contratacións arbitrarias, o suborno, o nepotismo, o enchufismo, as adxudicacións irregulares, o tráfico de influenzas... A corrupción exterior (no acto consumado) procede doutra corrupción moito máis ampla que, a maioría das veces, é interior (antecede ao propio acto). Antes de menoscabar o patrimonio público ou privado, a corrupción degrada os valores íntimos de cada individuo, relativiza os costumes e a cultura da virtude, anulando os alicerces, os principios que manteñen a sociedade elevada e digna do seu propio orgullo.

Tal degradación moral comeza por pequenas concesións, pequenos trastornos axiolóxicos na nosa existencia cotiá e prosegue corroendo ao individuo e ao conxunto da sociedade. A tolerancia de pequenas corrupcións na vida privada é a que conduce ás grandes corrupcións na vida pública.