Un profesor vigués estuda a iconografía de Rosalía de Castro

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

Publica en Xerais máis de 150 imaxes da maior icona da cultura galega

21 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Rosalía de Castro. Imaxe e realidade é o título do libro de Fernando Pereira Bueno, publicado en Edicións Xerais, no que se fai o primeiro estudo iconográfico da escritora galega. «Ela é unha figura mitificada e a súa imaxe contribuíu a esa popularidade e visibilidade que ten hoxe en día», explica o autor, que é profesor de Ciencias Sociais no IES Carlos Casares de Vigo.

Fernando Pereira analiza algunhas das interpretacións que da imaxe e do espírito da poeta fixeron os artistas plásticos de distintas épocas. Ao longo de tres anos, o autor rastrexou documentación ao respecto en hemerotecas, arquivos e bibliotecas, para seleccionar ao redor de 150 imaxes para o libro. «Atopei máis pero fixen unha selección na que non sempre guieime pola calidade artística; as veces, a singularidade ou a rareza foi a razón para elixir unha ilustración; por exemplo, hai un cómic de 1976 para nenos», explica o autor.

Un debuxo do ilustrador galego Federico Ribas, do ano 1939, é a peza máis curiosa para o autor do libro. Foi feita en Arxentina para anunciar unha homenaxe á autora de Cantares Gallegos.

Ao longo do tempo a visión de Rosalía de Castro mudou dende aquela muller melancólica e triste á actualidade. «Os deseñadores dos anos oitenta fixeron o cambio que permitiu que a xuventude achégase agora a súa icona», sinala o investigador.

Fernando Pereira pregúntase no seu libro se a imaxe de Rosalía correspóndese coa súa verdadeira personalidade. «Eu creo que non» contéstase. «É normal nos personaxes que acadan un gran valor simbólico, porque ela supera o plano literario para converterse nun símbolo nacional, unha marca galega», engade.

Modesto Brocos

Entre caricaturas, fotografías, retratos, selos, billetes e outros soportes, Fernando Pereira elixe o cadro pintado por Modesto Brocos para sinalar a maior proximidade entre realidade e imaxe. «É a representación realista máis próxima ao que debeu de ser Rosalía», di o autor do estudo.

Pereira afirma que a escritora está hoxe en día nos mercados, «é unha marca máis».