«En 2014 iremos a pola final do Mundial, unha vez alí, a por todo»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo VIGO / LA VOZ

DEPORTES

CEDIDA: Hadrián Pérez Rial

O campión olímpico trocou o K-2 200 polo 1.000 metros este ano

29 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

«Orgulloso e agradecido». Así se declara Carlos Pérez Rial, Perucho, logo de recibir o premio ao mellor deportista cangués do ano. Un galardón que adoza os últimos estertores dun 2013 que non foi sinxelo para o campión olímpico. Discrepancias coa Federación Española e un cambio de distancia impedíronlle gozar ao completo do último ano, pero confía en que 2014 virá da man de novos éxitos.

-¿Con que sabor pecha o 2013?

-Este ano foi un pouco raro. O Campionato do Mundo non saíu todo o ben que eu quixera porque estamos cunha distancia nova. Antes estaba no K-2 200 e agora estou no 1.000 metros. Fixemos o cambio para o 1.000 un mes antes do campionato, e ese tempo non dá para estar entre os mellores. Sírveme de experiencia para este ano. Vou empezar con moitas ganas.

-¿Cal foi o motivo de pasar do K-2 200 que o levou ata o ouro en Pekín ao k-2 1.000?

-A medida que cumpres anos vas perdendo velocidade e tes que buscar algunha alternativa, e o 1.000 metros é unha boa opción. Ademais, Saúl, con quen remaba antes, está remando no K-1 e non pode compatibilizar os dous. Por iso apostei por loitar con outra parella no 1.000. Con Diego Cosgaya. O cambio nótase á hora de adestrar, que fas distancias máis longas, pero o acople co compañeiro foi moi ben.

-¿Cal vai ser o obxectivo dese K-2 1.000 no novo ano?

-Agora toca o Mundial. A aposta é por estar na final, e unha vez alí, loitar por todo. Por agora só aposto por unha final porque é unha distancia complicada, nova para min, pero quero estar aí metido entre os oito mellores e o ano seguinte loitar pola clasificación para a Olimpiada.

-As expectativas que manexan son mellores que as de 2013.

-Si, imos ir moito máis preparados porque temos un ano por diante e eu xa estou preprando moitos máis quilómetros. Xa saín algunha vez co meu compañeiro a remar en k-2, e iso nótase.

-Aínda que o Mundial non foi como agardaba, non foi un ano en branco.

-Nos Campionatos do Mediterráneo gañamos o ouro en k-2 200 metros con Saúl Craviotto. Logo, xa no Mundial remei en tres probas. En k-2 1.000 metros fomos sétimos na final B, no k-2 500, quedamos novenos na final A, e logo o k-1 200 relevo, que quedei quinto. Sabía que ía ser complicado, aínda que pensaba facelo un pouco mellor. Non tiñamos referencias dos nosos rivais porque non fomos a ningunha Copa do Mundo, e era case unha aventura, pero agora sabemos como estamos e o que temos que facer para estar aí arriba.

-¿Ten a sensación de que Río queda á volta da esquina?

-Está lonxe, pero xa está aí. Quedan dous anos, e como te despistes, pasa a Olimpiada e non te enteras.

-Supoño que os conflitos coa Federación non axudaron.

-Tiven que pagarme a viaxe ao Mundial, e parecíame inxusto que non pagasen nas distancias olímpicas. Se o ano pasado non nos pagaron a nós, seguro que este ano, en Moscú, haberá moita máis xente que quedará na casa. Ao final ao Mundial non van ir os mellores, senón os que poidan pagarse as viaxes.

carlos pérez rial, «perucho» piragüista

«Para Río quedan dous anos, e como te despistes, pasa a a Olimpiada e non te enteras»