Xabier Cordal recibe o galardón de creación literaria nos Premios da Crítica Galicia

Begoña Rodríguez Sotelino
B. R. Sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO

Taller Atlántico Contemporáneo, Xosé Ramón Barreiro, Culturgal, Xulio Gil e a compañía Voadora tamén foron premiados na 36 edición do certame

19 oct 2013 . Actualizado a las 21:41 h.

A trixésimo sexta edición dos Premios da Crítica Galicia foi celebrada hoxe en Vigo baixo o lema Auga limpa en fresca fonte, recollido dun verso de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. O certame se articula entorno a sete xurados para cada unha das categorías que se contemplan. Así, o xurado da modalidade de Creación Literaria acordou outorgar por maioría o premio ao poemario social Transmuta, do autor coruñés Xabier Cordal, obra editada por Edicións Xerais de Galicia.

No apartado de Investigación, e tamén por maioría, o premio foi para a biografía Murguía, de Xosé Ramón Barreiro Fernández, editada por Galaxia. O premio de música foi para o Taller Atlántico Contemporáneo.

Culturgal. Feiras das Industrias Culturais de Galicia, foi a proposta que acadou por maioría o galardón de Iniciativas Culturais, mentres que o fotógrafo e matemático vigués Xulio Gil foi o elexido este ano por unanimidades como merecedor do Premio de Artes Plásticas e Visuais. Por último, a compañía Voadora levou, polos seus espectáculos Waltz e Tokio 3, o Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais.

Máis de trescentos persoeiros representativos dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país xuntáronse neste acto integrador conducido por unha directiva presidida por Bieito Ledo, que se inspira dende a súa fundación na pluralidade xeracional, ideolóxica e de xénero.

Dende 1978, os Premios da Crítica Galicia recoñecen cada ano a excelencia e a relevancia das labores individuais e colectivas máis destacadas nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia.