Municipalismo retorto

Óscar Lomba TRIBUNA

VIGO

19 sep 2013 . Actualizado a las 12:52 h.

Omunicipalismo do PSOE vigués baséase nunha idea deformada do que debe ser a política desenvolvida desde o goberno dunha corporación democrática. Abel Caballero entende o poder municipal non como un instrumento para mellorar a calidade de vida dos vigueses e transformar a cidade, senón como unha ferramenta ao servizo dunha caterva de partidarios incondicionais da camarilla que controla o aparello do partido. O suposto manexo e mala utilización dos recursos públicos para conseguir adhesións indelébeis, presuntas contratacións arbitrarias, e outras tantas irregularidades estarían convertendo o espazo municipal vigués nun procreo turbio. Caballero conseguiu consolidar o apoio electoral grazas ao cuantioso dispendio de fondos empregados no simple embelecemento parcial da cidade e a un uso sistemático de medios de comunicación afíns.

Onde a xestión tende máis a favorecer á poboación, a súa calidade de vida mellora. Onde se fai a favor dos intereses privados dos políticos e familiares, deixa que desexar. Por iso, debido ao seu papel crucial como espazo de convivencia considero que o municipio pode converterse no lugar de arranque desde onde os suxeitos sociais poderían comezar o proceso de transformación cara a unha sociedade alternativa. Pero en Vigo son moi poucas persoas as que deciden e xestionan os bens e servizos baixo o control municipal. Fronte a idea obsoleta do municipalismo de Caballero propoño un municipalismo innovador e elemento de dinamización e articulación social. É necesario cuestionar o municipalismo tradicional e crear un novo onde se tería que dar: 1) o choque entre o actual modelo de xestión e o xermolo dun novo modelo alternativo; 2) a transformación progresiva do modelo de goberno por outro máis participativo e horizontal), e 3) a organización da transformación cidadá pola múltiple presenza dos movementos sociais que terían que asumir o deseño dos procesos e a transformación da propia cidade (a súa ecoloxía social e a súa contorna). E mentres, o moderno municipalismo pouco ten que ver coa retorta idea que deste teñen Caballero e os seus amigos.