«No piragüismo olímpico hai que buscar relevo»

lorena g. c. VIGO / LA VOZ

DEPORTES

M. MORALEJO

Di que este deporte vive un bo momento con retos por diante

12 jun 2013 . Actualizado a las 11:44 h.

O piragüismo galego vive un momento doce. En pleno inicio dun novo ciclo olímpico, a Federación Galega, con Alfredo Bea á fronte, traballa para conseguir sacar adiante deportistas que manteñan o elevado listón, mentres fan traballo arreo para seguir mellorando as finanzas da entidade.

-¿Que momento atravesa o piragüismo galego?

-Podemos dicir que moi bo, o ano pasado pechamos con 3.200 licencias, un récord que este ano imos bater. Agora comeza un novo ciclo olímpico, e moitos palexeiros conseguiron a súa clasificación para os distintos campionatos de Europa. Nunca tantos galegos foron a estas competicións. Nestas probas conquiren unha experiencia importante e ven o que é a gran competición. A Federación fai un importante esforzo económico para finanzar a catorce deportistas para estes campionatos.

-Quizais o piragüismo olímpico sexa o de maior trascendencia. ¿Cal é a súa situación?

-Temos que buscar relevos. Teresa Portela e David Cal poden tranquilamente chegar a Río, Pérez Rial tamén, pero xa é máis complicado porque non chegou a este ciclo, aínda que ten todo o apoio da Federación, e temos aí un grupo de kayakistas e canoas que pensamos que poden ser os que dean un paso no 2016 en Brasil. Temos a Arévalo, a Toro, de Lugo, que xa son medallistas sub-23; por exemplo o outro día nun control o subcampión olímpico Saúl Craviotto tivo que ir a un desempate nun 200 contra Carlos Arévalo.

-¿Cómo se forxan eses deportistas de elite?

-Para conseguir unha Teresa ou un David, fai falla moito traballo e sorte, por iso cantos máis rapaces mobilicemos, canto máis apoiemos os clubs e melloremos a tecnificación, mellor irá. Temos que axudalos. Facendo iso, no 2016 ou senon no 2020, teremos outra vez nos Xogos a seis ou sete galegos. Traballando, volverán outro David Cal, outra Teresa e outro Pérez Rial.

-No recente Europeo conseguíronse varias medallas. ¿Bo balance?

-No maratón é un momento doce. Poderíamos ter levado máis barcos con máis potencial se tivésemos unificado clubs, e teríamos gañado algunha praza máis de júnior. Iso temos que pensalo ben na Federación e falar cos clubes pensando máis nos resultados dos deportistas. Temos que ir ao máximo e que non sexa un motivo económico o que non permita que os nosos deportistas non vaian a un Mundial ou un Europeo.

-¿Como están as finanzas da Federación?

-A Federación pasou un período moi malo. No ano 2009 tiñamos un déficit herdado de 600.000 euros e a día de hoxe está por debaixo dos 200.000. Pagamos as débedas cun orzamento que é a metade do que había, e nos últimos tres anos tivemos superávit. Todo o carto que ingresa, repercute nos clubes e imos baixando a débeda que tiñan. A situación da Federación era kafkiana porque non era que traballara a Federación para os clubs, senón que os clubs traballaban para ela. Mudamos a xestión da federación e tamén o trato que se fai cos clubs.

-Dimitiu como vicepresidente da Española. ¿Foi polas desavenencias arredor de Cal?

-O de David Cal foi a gota que colmou o vaso, pero na Española viamos que se estaban facendo cousas no tema da austeridade que non valían. No 2009 de presidente, dietas e xunta directiva gastáronse 90.000 euros, e o ano pasado, no mesmo concepto, e facendo que os clubs se autofinancien, 150.000, polo tanto, hai algo que non entendo. Eu vexo as regatas dende a casa e para apoiar aos deportistas, reúnome con alcaldes, con Deputacións, para conseguir fondos. Estamos traballando en todas as provincias para seguir aumentando a actividade e dando protagonismo aos deportistas. A nosa responsabilidade é cos deportistas, hai que telo claro.

alfredo bea presidente da federación galega de piragüismo