«Se vos gusta, dicídello aos vosos amigos e se non, aos inimigos»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

O actor Cándido Pazó actuará catro días seguidos en Vigo

31 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

«Se vos gusta, dicídello aos vosos amigos e se non, aos inimigos», recomenda Cándido Pazó ás persoas que acudan entre mañá e o sábado á súa versión de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas. O actor vigués confía no boca a boca dos seus paisanos para encher o antigo Cine-teatro Rosalía de Castro.

Trátase dun monólogo escénico-narrativo dirixido e interpretado por Cándido Pazó co visto bo de Neira Vilas. «El é o noso mellor axente comercial do espectáculo, xa viu a obra en cinco ocasións, algo estrañísimo nun autor», di aínda sorprendido o cómico. «A el preocupaballe que saturase ao espectador a grande emotividade que ten o libro, pero eu fixen unha mestura da historia con tradicións orais e material propio para introducir a comedia. E a xente ri moito. El entendeuno e valorouno porque a xente accedía igual á traxedia de Balbino pero dun xeito distinto», engade Pazó.

A obra é un monólogo porque só fala Cándido Pazó, pero tamén presenta elementos teatrais, como a escenografía construída mediante unha videocreación, ou a presenza de improvisación e comunicación co público.

Actitude ante a crise

«Os tempos do caché non sei se acabaron pero si que non volverán ser coma antes, por iso temos que engraxar mecanismos alternativos», di o monologuista para referirse á decisión de facer catro funcións na mesma cidade. «É por iso que se fai necesario estar nun sitio máis dun día para que funcione o boca a boca. Había que ser valente para facelo pero Vigo é unha grandísima cidades e ten que ter masa crítica para ver como funciona», explica.

Ademais do valor teatral que ten Memorias das memorias dun neno labrego, os espectadores que acudan á función do sábado terán a satisfacción de saber que parte do diñeiro das súas entradas irá a parar a Unicef. «O dereitos de autor dese día serán cedidos a Unicef, algo que continuaremos facendo posteriormente cando empecemos unha xira por pequenos concellos galegos», recorda Cándido Pazó que onte firma un convenio de colaboración con Unicef.