A asistencia da fauna mariña ameazada en Galicia

Alfredo López

VIGO

07 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Apresenza no litoral galego de fauna mariña ameazada (baleas, golfiños, tartarugas e lobos mariños) é algo coñecido a través dos corpos destes animais que o mar arroxa na costa. Así o constata os case 300 exemplares varados ao ano.

As baleas foron moi importantes na nosa historia a través dos recursos que aportaron dende a idade media ata o ano 1985. Os golfiños e arroaces, tamén coñecidos dende antigo, foron vistos como competidores polo recurso pesqueiro. Así nolo transmiten os nosos eruditos naturalistas dos séculos XVII ao XIX, como Frei Martín Sarmiento, Feijoo, Cornide, Seoane, etc. Nos nosos días a significación destas especies céntrase na conservación do medio e no seu carácter bioindicador, é dicir, cando aparecen varados indícanos que algo está a pasar no mar.

Desde o ano 1990 a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-Cemma leva atendendo ao coñecemento e divulgación mariña, establecendo cal é a situación e o diagnóstico das especies e mesmo contribuíndo ao deseño das estratexias de conservación das mesmas. Nesta liña, compre que as administracións, a diferentes niveis, sexan conscientes desta situación para poder asumir as súas competencias e aportar cada unha delas parte da solución aos problemas.

O caso da balea varada no Vao foi boa mostra disto xa que a operación foi levada a cabo paso a paso coa implicación de seis institucións: Salvamento Marítimo, Consellería de Medio Ambiente, Dirección Xeral de Conservación, Concello de Vigo, Protección e a propia Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños. A vontade e a vocación da Cemma continúa inquebrantablemente ao servizo da asistencia e da investigación mariña. Resulta necesario que a Xunta de Galicia adopte e publique o protocolo de asistencia aos varamentos, que dun xeito implícito estase a desenvolver diariamente, considerando estes casos, sobre todo os de exemplares grandes, dentro dos protocolos de emerxencia co fin de que as demais institucións poidan acompasar o seu propio funcionamento.

Sobre todo compre un impulso decidido ao centro de recuperación de fauna mariña, pois quedou sempre na gabeta dos proxectos pendentes de todos os gobernos, e o 10% dos exemplares, asistidos aínda con vida, precísano para voltar ao mar en boas condicións.