Bolonia en Vigo / Vigo en Bolonia

Ignacio Barcia

VIGO

11 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Éo momento dun debilitamento do europeísmo cuxos síntomas e causas non veñen agora ao caso. Nesta situación a definición dun Espazo Europeo de Educación Superior aflora como unha empresa paradigmática na construción europea. De xeito moi simple eu diría que Europa secularmente foi un campo de batalla e un espazo de circulación do coñecemento. A construción dese Espazo Europeo de Educación Superior, o Proceso de Bolonia, apunta cara a esa Europa do coñecemento que sempre existiu.

A Declaración de Bolonia, asinada en 1999 na cidade universitaria italiana por un grupo de ministros de educación europeos, xa marcaba a data de 2010 para que eses países adaptasen os seus sistemas de educación superior, converxendo nuns mínimos requisitos harmonizadores. Bolonia chegou aquí cando, empuxado polo desenvolvemento do estado autonómico, a modernización e a bonanza económica, o sistema universitario español estaba acrecentado en todas as súas dimensións. Ademais, tras décadas de medrar, por cuestións demográficas estaba a disminuir o número de universitarios e estes tiñan novas preferencias nos seus estudos. A adaptación a Bolonia foi unha ocasión de reflexionar e adaptar un sistema que apuntaba cara á súa insostenibilidade. Así, no Sistema Universitario de Galicia e na Universidade de Vigo en concreto, abordouse a reorganización da oferta de titulacións, evitando duplicidades e axustándoa á demanda e as necesidades reais do contorno social, económico e cultural.

Os primeiros datos parecen indicar que a reorganización feita funciona axeitadamente, pero haberá que esperar aínda para ver resultados. O imprescindible é que a Universidade de Vigo continúe e aumente a imbricación co seu contorno en todos os sentidos, que calquera modificación no seu mapa de titulacións terá que facerse de xeito harmónico, atendendo á sustentabilidade xeral do sistema e co aproveitamento das posibilidades que a propia universidade xa ten. Bolonia esíxenos mirar cara a fóra, ser transparentes e render contas á sociedade.

O cambio na estrutura e oferta de títulos é evidente pero, aínda coa súa transcendencia, veremos que non é o máis importante. A internacionalización que facilita Bolonia en todos os ámbitos da institución é algo que irá calando aos poucos, e que encaixa perfectamente na estratexia da Universidade de Vigo. Bolonia trouxo unha transformación interna baseada no cambio dos métodos docentes, e na implantación de procesos de seguimento da calidade e dos resultados dunhas titulacións que deberán ser acreditadas periodicamente.

O cambio na docencia afecta tanto ao estudiantado como aos docentes, aos primeiros porque agora cada un deles é o protagonista do seu proceso de aprendizaxe, aos segundos porque teñen que adaptar o seu traballo a este novo protagonismo, co plantexamento de actividades que van máis aló da clase maxistral e o exame.

Grazas ao enorme esforzo realizado pola comunidade universitaria Vigo está en Bolonia. É notorio que o contorno inmediato á Universidade de Vigo recoñece o feito, e empresas e institucións comezan a traballar con ela de xeito conxunto. Pero, tamén é certo que non podemos conformarnos, hai que seguir a tarefa: axustes internos normativos e de xestión, asentamento dos novos procesos, implantación de titulacións, desenvolvemento de novos canles de transferencia cara á sociedade... A tarefa produce vértigo, pero apaixona cando poden verse as posibilidades que a conxunción de Bolonia co Campus do Mar supón para a Universidade de Vigo e a súa contorna a medio prazo.

A tarefa produce vértigo, pero apaixona cando poden verse as posibilidades que a conxunción de Bolonia co Campus do Mar supón para a Universidade de Vigo