«Os nenos non dan tregua e non andan con medias tintas»

carolina sertal VIGO / LA VOZ

VIGO

A compañía galega Os 7 Magníficos Máis Un presentan o seu novo espectáculo «Mañá será outro día» no Festiclown

27 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Mañá será outro día é o espectáculo que hoxe presentan Os Sete Magníficos Máis Un na praza do Rei ás 18.30 horas. Dentro da sección Isto non é Walt Disney, do Festiclown, esta compañía galega afronta un dos seus maiores retos: seducir aos máis pequenos. O actor e coordinador da compañía Francisco Rey desvela os segredos do seu show.

-¿Que vai pasar mañá?

-Pois mañá será outro día no que a rata Ramón e o xigante Eliú, interpretado por min, comecen a súa amizade e vaian reflexionando sobre o exceso de lixo na nosa sociedade, pero tamén do lixo emocional. Nesta obra queremos concienciar á xente da redución do consumo.

-¿Que diferenza este novo espectáculo da compañía dos que presentou anteriormente no Festiclown?

-É a primeira vez que a compañía non aborda un espectáculo dende o punto de vista clown. É un teatro infantil cunha clara compoñente educativa, unha forma de achegarlles aos máis pequenos a ecoloxía. Por primeira vez actuamos sobre un texto, a nosa experiencia é a pura improvisación.

-¿Cal é a diferenza entre actuar para un público adulto e para un infantil?

-Nós, como adultos, traballamos un clown máis dirixido á idade da madurez. O noso clown ten mensaxes sociais e os adultos sempre van estar máis en sintonía con nós. Pero os nenos teñen ese punto de que sempre van ser máis agradecidos e entréganse máis nos espectáculos.

-¿Os trebellos son aínda un público por conquistar?

-Os nenos non dan tregua e non andan con medias tintas. Non é fácil enganalos e con eles non funciona o todo vale polo mero feito de seren cativos.

-¿Cal é a chave para conquistalos?

-O espectáculo ten que interesarlles dende o principio e piden movemento rítmico, se non camiñas cara ao fracaso. Para triunfar o discurso ten que ser elaborado e non tratalos por debaixo das súas posibilidades, xa que hoxe en día teñen acceso a moita información. De feito, para estar seguro de que un show vai triunfar, antes hai que probalo cos nenos.

fran rey actor e coordinador dos sete magníficos máis un