Lois Pereiro, unha vida de cómic

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

Jacobo Fernández publica a biografía do poeta en clave de novela gráfica

17 jun 2011 . Actualizado a las 13:26 h.

Un andén escuro e invadido polo fume gris sérvelle a Jacobo Fernández Serrano para introducir a Lois Pereiro nunha escena de Breve encontro, de David Lean. O guiño a unha das películas favoritas do poeta de Monforte de Lemos convértese no limiar a «un achegamento comiqueiro» á biografía e á obra do protagonista do último Día das Letras Galegas. A novela gráfica ven de ser publicada por Edicións Xerais de Galicia.

«Dentro dos seus gustos estaba todo o campo da contracultura, o rock, a poesía, o cine e o cómic, ao que era moi afeccionado, polo que non houbo antes un homenaxeado a quen lle viñera tan ben unha versión cómic da súa biografía», explica o vigués Jacobo Fernández Serrano.

O autor do libro quería que a súa novela ofrecera información biográfica, unha escolma das obras do seu protagonista e, ao mesmo tempo, «que fose un cómic meu, que non fora algo aillado e si tivera puntos de unión co que levo feito».

Circunstancias difíciles

Fernández Serrano afronta ao seu personaxe sen tabús porque é consciente da «imposibilidade de achegarse a súa poesía sen ter en conta as circunstancias da súa vida». A adicción á heroína, a intoxicación pola colza e a súa diagnose de sida son circunstancia que o autor trata de narrar, alonxadas do dramatismo dos propios feitos. «Aos rapaces da súa xeración tocoulles afrontar cousas sen información, chegáronlles todas de golpe», afirma Jacobo, que recoñece o atractivo gráfico de Lois: «A personaxe xa estaba feita, el era un personaxe reconocible e distinto a todos os demais».

A ex noiva de Lois Pereiro, Piedad Cabo, ou o propio irmán de Lois, Xosé Manuel, foron fontes directas para o autor, pero tamén lle serviron os traballos desenvolvidos, e publicados en Xerais, por Iago Martínez e Marcos Calveiro.