David Pintor captura en debuxos a maxia de Compostela

Xesús Fraga
X. Fraga REDACCIÓN/LA VOZ.

VIGO

11 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

David Pintor (A Coruña, 1975) xa retratara Santiago no volume Ciudades de papel (El Patito Editorial), pero a fascinación que exerce acabou por levar ao ilustrador a dedicarlle un libro completo. O resultado, titulado sinxelamente Compostela (Kalandraka), é un percorrido por rúas e espazos que tratan de captar a maxia que desprenden e afastarse dunha visión tópica e turística. «A idea era trasladar a inspiración e a evocación que eu sentín nestes lugares», explica o debuxante, quen define o libro como «o caderno de viaxes dun pintor» para ser gozado por lectores de todas as idades.

De feito, a experiencia lúdica e gozosa de Compostela atópase en cada páxina. David Pintor bota man dun personaxe, un home que se move nunha bicicleta encarnada e que toca o violín, para conferirlle a unidade propia dun libro de viaxe. «Pero que ninguén se espere unha guía convencional», aclara o autor, que prefire que sexa o lector o que vaia descubrindo por si mesmo eses recunchos a través da ollada do personaxe.

Realismo máxico

Tampouco é convencional no sentido de que Pintor non se limita a retratar a cidade tal como é, senón que introduce elementos propios do realismo máxico, que permiten fantasiar e imaxinar outra cidade. O personaxe flota sobre os tellados de Santiago ou pasea pola praza da Quintana dun xeito moi especial: recostado sobre unha barca.

Non é casual que o ilustrador equipe ao seu personaxe cunha hamaca, na que se deita para gozar da paisaxe outonal, por exemplo, porque o libro convida a pasear, contemplar e ver a cidade con outros ollos, dende o ritmo pausado dos cafés e as rúas lastradas, absorbendo as cores como nun debuxo.