Neira Vilas e o seu Balbino van ser homenaxeados no Verbum

VIGO

29 may 2009 . Actualizado a las 11:46 h.

Co gallo do seu recente oitenta aniversario, o escritor Xosé Neira Vilas vai ser obxecto dunha homenaxe mañá, no Museo Verbum. O acto está organizado por Avelino Muleiro e Ismael González, e contará coa participación de numerosos persoeiros da cultura galega.

«É unha homenaxe ao escritor pero centrarémolo na súa obra Memorias dun neno labrego », explicou, durante a presentación dos actos, Avelino Muleiro, organizador das xornadas de filosofía de Vigo. Muleiro subliñou o carácter sociolóxico da obra de Neira Vila, que tamén afondou na estudio da emigración galega. «Hoxe, sesenta anos despois da publicación da obra, parece que aquela historia rural está totalmente esquecida», engadiu o organizador.

O acto comezará as doce da mañá do vindeiro sábado, cunha introdución a cargo de Avelino Muleiro e o filósofo Ramón Regueira. Posteriormente, o profesor Xesús Alonso Montero falará do escritor de Vila de Cruces e da obra protagonizada polo neno Balbino, «un home de aldea, que é o mesmo que dicir, un ninguén», segundo a propia presentación que fai o neno na novela.

Os asistentes poderán ver a continuación a curtametraxe dirixida por Xan Leira Ismael González, Neira Vilas, memorias dun neno labrego, o libro. Pero o acto principal da xornada vai ser a presentación dun libro escrito por 53 escritores galegos. Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego foi editado por Ismael González. Nel aportan artigos personaxes destacados da vida cultural galega como Xosé Luis Méndez Ferrín, Suso de Toro, Xosé Carlos Caneiro, Siro, Francisco Fernández del Riego o Isaac Díaz Pardo. «O Concello de Vigo mercou toda a primeira edición de este libro; foi a única axuda que tivemos, xunto coa colaboración pola cesión do Verbum», manifestou Avelino Muleiro. O grupo de folk A Quenlla actuará ao remate do acto, que comezará as doce da mañá.

A deseñadora de xoias Henrika Vidal fará entrega a Xosé Neira Vilas unha escultura que representa a Balbino.

Película

Ismael González prepara a filmación dunha película sobre o libro de Neira Vilas. De feito, segundo manifestou Avelino Muleiro, o guión xa está rematado, e xa ten contactado co algúns actores galegos para comezar a traballar en canto solvente os problemas financeiros.

Memorias dun neno labrego

é un clásico da literatura galega, traducido a varios idiomas; ostenta o título de ser o libro máis lido da literatura galega. Xosé Neira Vilas publicou o seu libro no ano 1961, en Bos Aires. En España, o best seller galego non viu a luz ata o ano 1971, en foi editado polo Castro.