Rebelión xeral para liberar Vigo

VIGO

01 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A comezos de marzo de 1809, a rebelión é xa total na área de Vigo, no Val Miñor e no Baixo Miño. Os franceses, despois dun mes de excesos contra a poboación civil, atópanse cunha feroz resistencia, e as súas columnas son atacadas sen descanso cada vez que abandonan as vilas ocupadas. O primeiro heroe desta revolta é o abade de Couto. Mauricio Troncoso de Lira tiña 38 anos cando as tropas do mariscal Soult entran nas terras da súa xurisdicción, situadas nos actuais concellos de Crecente e A Cañiza. Formado na Universidade de Santiago, era un home ilustrado, o que lle servirá para crear todo un sistema de guerrillas que porá en xaque aos mellores estrategos do Emperador. Ademais, era un líder valente e destemido, o que demostra desde o seu primeiro contacto cos franceses.

A súa particular guerra contra os ocupantes comeza en febreiro, cando o mariscal Soult ordena no partido de Crecente unha requisa de «pan, viño, carne, galiñas, ovos, pedindo xuntamente cabalerías e capotes, polo que o Concello non tivo outro remedio senón despachar as ordes para cumprir con todo iso, mandando que rexuntase todo o pedido en casa do Rexedor decano para dirixirllo á cidade de Tui e as súas comarcas». Ao decatarse Mauricio Troncoso de que o pobo estaba a reunirse ante o Concello para levar as encomendas, monta en cólera, rodéase dalgúns mozos do seu partido e preséntase alí, asumindo o mando e requisando todo o que se ía enviar a Soult. Ademais, ordena aos caudillos locais que reúnan a todos os homes da bisbarra, «sen excepción de persoa, aínda de clérigos e frades», para que se armen como poidan e acudan a ocupar as estratéxicas pontes de Mourentán, Esmoriz, Taín e Achas, vitais para defender a zona.

Cinco días logo de consumarse a revolta, e ante o atraso dos víveres, Soult decide enviar á zona unha partida de cabalería, que é atacada polos paisanos do abade de Couto. Na refrega en Mourentán morren quince franceses, 51 son feitos prisioneiros e todos os cabalos son enviados ao marqués de la Romana, que como é o seu costume atópase á marxe do teatro de operacións, facendo honra ao seu alcume de Marqués das Romarías.

Abusos franceses

Os franceses tomarán vinganza pola acción, pero a loita guerrilleira xa non se deterá ata a expulsión dos invasores. Dos abusos dos franceses dá conta a carta escrita por unha muller de Mourentán, quen narra ao seu home, que se atopa traballando en Lisboa, que tivo que fuxir a Portugal polas represalias das forzas napoleónicas: «Que o día 17 romperon a ponte os malditos inimigos. Cantos colleron diante matáronos, e queimaron as máis das casas; tamén me queimaron o curral das ovellas e a casa da túa tía Luisa con todo o que tiña na casa. Queimáronse 20 casas neste lugar e mataron vinte persoas. Rezarás polo teu pai, que o queimaron os inimigos no lagar vivo, e Recuncho e Manuela do Cruceiro, estes foron queimados dentro das casas».

«A guerra debe alimentar á guerra», era unha das máximas de Napoleón. E en Galicia estaba a cumprirse para desgraza do Emperador, porque as represalias non facían senón avivar as lapas da revolta.

Tamén a guerra avanza na provincia de Ourense, xa entregada á rebelión. O oficial francés Naylies, nas súas Memorias da Guerra de España, narra unha refrega en Ribadavia que ilustra como as mulleres estaban en vangarda: «Baixo os muros desta vila vin un cadro espantoso que mostraba os efectos dunha guerra tan odiosa: no medio dunha chea de cadáveres espidos e desfigurados, apercibín os de dúas mulleres; unha delas de idade media, tiña un fusil ao seu lado e levaba unha canana e un sabre de infantería, o seu corpo e os seus beizos ennegrecidos pola pólvora indicaban que combatera longo tempo e desgarrado moitos cartuchos; a outra, enteiramente espida, parecía non ter máis de dezasete anos. Os horrores da morte non alteraran os seus encantos, que conservaban todo o seu frescor. A primeira morrera dun disparo no peito combatendo nas filas galegas; a outra precipitouse sobre a brida do cabalo dun oficial, asaltado por varios paisanos, e recibiu un sabrazo que lle fendera a cabeza».

Destacamos o cru da escena, así como o valor amosado por estas mulleres, unha proba máis de que a Guerra en Galicia foi un traballo do pobo enteiro.

Sublevado o sur de Galicia, recibimos a mediados de febreiro a primeira noticia de quen será o heroe da Reconquista de Vigo: Cachamuíña. O capitán Bernardo González del Valle, que debía o seu alcume ao nome do seu pobo, en Ourense, pertencía ao corpo de Granadeiros de Galicia e estaba integrado nas tropas do Marqués de la Romana. Entre as súas primeiras misións, tivo a de percorrer a provincia de Ourense reunindo aos soldados dispersos. Polos seus bos servizos, o xeneral noméao comandante de paisanos, ao obxecto de que poida participar en accións de guerrilleiros, dándolles instrucción e tomando as decisións estratéxicas. Isto será o que fará en Vigo un mes despois.

O decreto que nomea a Cachamuíña é o seguinte: «Teñan entendido todas as Xustizas e Corrixidores deste Fidelísimo Reino de Galicia como vin en nomear a D. Bernardo González, capitán de Granadeiros da columna de Galicia, polo seu notorio mérito e ardente patriotismo, comandante dos paisanos armados que concorran á defensa dos seus domicilios, da súa patria e da súa relixión, a fin de que en virtude deste nomeamento facilítenlle todos os medios de desempeñar tan importante comisión. Cuartel Xeral, 19 de febreiro de 1809. O xeneral en Xefe do Exército da Esquerda, marqués de la Romana».

Pardo de Andrade, xornalista da época, editor do Semanario Patriótico, conta as primeiras accións de Cachamuíña na guerra, cando foi enviado a intervir no Carballiño e atopou forzas francesas que o bloqueaban. O capitán non se arredrou e avanzou cos seus homes «tomando os bosques e grutas por auxilio de día e noite, transitando con moitos riscos de perder as súas vidas, chegaron a esta xurisdición e inmediatamente emprenderon a defensa da nosa terra: tomou o mando o noso valente Cachamuiña, reunindo todos os tiradores, e á retagarda, ós lanceiros».

Mentres quen será o gran heroe da Gamboa segue a loitar en Ourense, a rebelión prende en toda bisbarra viguesa, baixo o mando do abade de Valadares, o alcalde do Fragoso e o propio alcalde Vázquez Varela, quen conspira desde dentro das murallas. Entramos no mes decisivo para a victoria viguesa.

?