Carlos Negro gaña o novo premio de poesía Victoriano Taibo

VIGO

10 sep 2008 . Actualizado a las 11:30 h.

Un novo certame que ten a lírica como protagonista súmase a lista de galardóns que en Galicia premian a escrita fermosa que se lle supón á poesía. A xestación desta convocatoria organizada entre a Entidade Local Menor de Morgadáns (en Gondomar) e o Instituto de Estudos Miñoranos, rubricouse en febreiro desde ano, cando ambas institucións acordaron a convocatoria do Premio Anual de Poesía Victoriano Taibo - Entidade Local de Morgadáns.

O 28 de xullo quedou pechado o prazo de presentación de orixinais. O xurado, presidido polo presidente da Entidade Local de Morgadáns Urbano Esmerode, recibiu 48 orixinais, unha alta cifra de participantes que onte, na presentación do premixo, quixo resaltar o director do Instituto de Estudos Miñoranos, Carlos Méixome.

Ironía e crítica

Nunha segunda reunión de traballo, o pasado 29 de agosto, o xurado seleccionou nove orixinais entre os que definirá o gañador do premio: o presentado como Cultivos transxénicos , cuia autoría correspondía co lalinense Carlos Negro, un escritor xoven pero cunha interesante obra poética publicada en editoriais como Xerais o Espiral Maior. O xurado formado polos poetas e profesores Gonzalo Navaza e Marta Dacosta e a xornalista Araceli Gonda, valorou especialmente «a orixinalidade con que se aborda o ton elexíaco, mediante o emprego da ironía e a parodia, con densidade lírica e coidado formal. Un poema inicial artellado mediante a fórmula de preguntas e respostas, que remedan unha entrevista xornalística ao tempo que parodian o Catecismo do labrego de Lamas Carvajal, serve de limiar a unha especie de pranto pola agonía e morte da sociedade tradicional rural e un exame (forense) dos síntomas tráxicos ou grotescos desa agonía, nunha visión actual, perspicaz e reveladora». Méixome, secretario sin voto do xurado, salientou tamén a «fina ironía cercana á retranca, cun humor un tanto frustrante e a emotividade do texto no que se reflicte tamén un atisbo de obra de denuncia da desaparición da aldea tradicional».

Dos orixinais finalistas, o xurado tamén quixo facer mención especial a dous traballos presentados baixo os lemas: Imposturas e Strategemata.

Dase a circunstancia casual de que o perfil profesional do primeiro galardonado con Premio Victoriano Taibo, coincide en dúas das facetas máis importantes na vida de ambos: a docencia e a poesía. Taibo

Esforzo de Morgadáns

O premio cunha dotación de 3.000 euros, escultura conmemorativa realizada polo artista miñorán Fino Lorenzo e a edición da obra nunha colección de poesía do Instituto de Estudos Miñoranos que se denominará Colección Victoriano Taibo, será entregado no marco dunha serie de actos que terán lugar en Morgadáns a finais de outubro para homenaxear a figura de Victoriano Taibo e reivindicar o seu labor literario e cultural. Carlos Meixome destacou o esforzo da Entidade Local Menor de Morgadáns na dotación deste galardón e anunciou tamén a publicación de dous libros de poesía de Victoriano Taibo que serán reeditados polo Instituto de estudos Miñoranos. O director desta institución explicou que o premio é unha das formas de por en valor a figura do poeta e mestre que residiu longo tempo nesta localidade de Gondomar e reclamar o posto que lle corresponde na historia do galeguismo: «Taibo é unha figura da literatura galega que está inxustamente esquecida e era un poeta de altura cunha importante traxectoria que merece ser recordada». Victoriano Taibo, que estivo moi vinculado á cidade de Vigo, era un participante activo nas famosas tertulias que tiñan como sede a taberna Elixio ou o Hotel Moderno.