«A convivencia non é posible se non hai respecto»

VIGO

O pedagogo vigués fundou hai 25 anos a asociación Educadores pola Paz

18 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

En 1983, Xesús R. Jares e Manuel Bragado fundaban a asociación Educadores pola Paz co obxectivo de fomentar novos valores no eido da pedagoxía.

-¿Cales son os logros acadados pola asociación?

-Partindo de cero, conseguimos que a educación pola paz fose asumida pola sociedade e o profesorado. Ninguén de nós podía imaxinar que en 1990, a educación para a paz ía ser un dos temas transversais da Logse. No ano 2000 dimos o salto a latinoamérica, onde queremos construír un espazo de educación para a paz.

-A materia de educación para a cidadanía, ¿pode considerarse unha resultante destes traballos?

-Lexislativamente, esta materia foi un salto cualitativo. Nós participamos nas discusións co Ministerio para elaborar o currículo. É un logro importante.

-¿Que opinión lle merece a polémica?

-Xurde da posición intransixente da Conferencia Episcopal. Din que hai adoutrinamento e que se ataca á familia. A xente ten que ler o corrícalo oficial no DOG, e poderán ver que non son certas esas acusacións. Si se lles di que existen diferentes tipos de familia, e iso é o que non tolera a Conferencia Episcopal. Non impón ningún modelo de familia, cousa que si fai a Igrexa. ¿quen adoutrina realmente? A min gustaríame que se falara desta materia en outros aspectos máis positivos, como as maneiras nas que se está facendo o libro de texto, ou o pouco que se está a facer para formar ao profesorado neste aspectos.

-¿Como teñen afectado os cambios sociais nos modelos de educación?

-Hai dous procesos socioeconómicos moi importantes. A incorporación da muller ao traballo leva, en moitos casos, que o tempo que empregaba na casa se perda. Non estou cuestionando a entrada da muller no mundo laboral, pero habería que tomar medidas e empregar recursos económicos para que non haxa nenos que pasen horas sós. Tamén aparecen as novas familias, un feito asumido por todos, e que implica que a escola refaga a nova relación coas familias. Hai que facer políticas sociais de apoio as familias e aos rapaces, e terán que aparecer novas figuras profesionais, coma os mediadores interculturais. O dereito ao traballo non llo podes impedir a ninguén, pero tamén hai que garantir que ese dereito non empañe o dereito á formado integral dos nenos.

-¿Teñen notado un aumento da violencia nas aulas?

-Houbo un cambio substancial. A figura do profesor se desvalorou neste anos. O valor do respecto perdeu terreo, e este é unha das miñas cruzadas. O home pode acadar moitísimos avances, pero non podemos perder o concepto de respecto porque non hai convivencia posible se non ha respecto. De todos xeitos, non se pode dicir que o sistema educativo estea minado pola violencia, non é certo. No 2000-03, fixen un traballo no que os rapaces recoñecían a violencia coma algo natural. Isto dálle máis valor as nosas teses, hai que dedicarlle máis tempo para abordar nas aulas os conflitos.

-¿Está preparado o profesorado para asumir ese traballo?

-Naquel traballo, a maioría do profesorado respondía que se lle dedicaba pouco tempo a este tema. Dicía a maioría dos enquisados que non foron preparados para abordar estes temas, pero nunha porcentaxe ampla tampouco estaría disposto a adquirir esta formación. É imprescindible para un profesor ter un mínimo de formación e sensibilidade para poder ter algo de éxito, senón a ten, o profesor pode converterse nun factor incluso de conflito dentro dunha aula.