Irisarri e Piñera gañan o premio de arquitectura Juana de Vega por unha vivenda en Redondela

La Voz

VIGO

29 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O Xurado do Premio de Arquitectura Juana de Vega, que concede a fundación que leva o seu nome, ubicada no Concello de Oleiros, decidiu otorgar o galardón, dotado con 6.000 euros, a unha vivenda unifamiliar situada en Picoto (Redondela), dos arquitectos vigueses Jesús Irisarri Castro e Guadalupe Piñera Manso.

O xurado estivo formado polo presidente do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Celestino García Braña; o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña; Xosé Manuel Casabella López; o presidente da Fundación, Enrique Sáez Ponte, Cristóbal Crespo González, Manuel Caamaño Suárez, Víctor Fernández Freixanes e Marta Rodríguez Fernández. O xurado valorou especialmente as solucións técnicas, o uso dos materiais e o moderno e elaborado deseño. Os expertos destacaron que «o proxecto acolle perfectamente a oportunidade que presenta o privilexiado emprazamento sobre a Ría de Vigo, respetando as vistas das vivendas situadas ás súas costas».

No certame foi distinguida ademais con un accésit, unha obra situada en Montrove (Oleiros), dos arquitectos Plácido Lizancos Mora e Ana Sogo López. Os premios se entregaron nun acto que estivo presidido pola Conselleira de Vivenda, Teresa Táboas.