Josele Santiago abre a proposta cultural da universidade viguesa

La Voz LA VOZ | VIGO

VIGO

Leo Bassi, Sexy Sadie e Elodio e os Seres Queridos actuarán no campus A programación do primeiro trimestre tenta agradar ao maior número de estudantes posible

24 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, María Carmen Cabeza e o director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea, presentaron onte a programación cultural da Universidade para o primeiro cuadrimestre do curso 2006/2007. Mantense a filosofía coa que naceu esta programación ao dar cabida ao talento de artistas galegos, doutras comunidades autónomas e de fóra de España. Asemade, o calendario, que se pechará co tradicional concerto de Nadal, mestura propostas tradicionais con outras máis vangardistas e arriscadas. Con esta formulación se dá resposta ás inquedanzas daqueles que integran a comunidade universitaria, así coma dos máis novos. Todas as actividades enmarcadas nesta programación son gratuítas. Nese desexo de agradar a todos, a programación aposta novamente polo espectáculo de rúa, unha actividade na que o espectador se implica dun xeito máis doado co artista e polo teatro tradicional, así como polas músicas de estilos complementarios. En teatro, a programación comeza co histrionismo de Leo Bassi e súa criticada obra La revelación , donde mestura o mellor do cabaré literario alemán e o teatro de variedades. Seguiralle a compañía de Castela-León, Zanguango, premiada hai anos cun Max; e rematará cos galegos San & San co seu novo espectáculo Bar , que actuarán na véspera do concerto de Marful, dentro da chamada Semana Galega, adicada a amosar o traballo dos nosos artistas. Ciclo Sonora 06 Pola súa banda, o encargado de inaugurar os concertos será o veterano Josele Santiago que ven co seu novo traballo discográfico Garabatos , ao que lle seguirá o Ciclo Sonora 06 Inverno no que, e a diferencia do Sonora de Primavera, se dedica un día aos concertos e noutro se celebra unha mesa redonda, nesta ocasión sobre música e medios de comunicación, que terá lugar no edificio Miralles do campus universitario, coa presencia de Iago Martínez ( Revista Tempos , Mondosonoro ), Jorge Lamas (La Voz de Galicia), Salvador García Cal ( 40 Principais , Maketón ) e Julio Gómez (Sinsalaudio). Elodio y los seres queridos, de Vigo, e Ms. John Soda, banda de orixe alemá, considerados un icono na indietrónica, ocuparanse de poñerlle a música a este Sonora. Os últimos en subirse ao escenario do Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria serán Sexy Sadie, no que será o seu penúltimo concerto xa que a banda mallorquina desaparecerá logo de tocar en Madrid ao día seguinte. En espectáculos de rúa a programación ofrece un variado repertorio centrado na comedia. Forman parte del o talento e atrevemento do norteamericano Dirty Fred, o espectáculo de clown teatral dos madrileños Good Idea Company, os galegos Os Sete Magníficos + 1, cunha posta en escena inspirada no circo clásico, o madrileño Chus Herrera, un veterano que formou parte de Toreros Muertos, Greta y los Garbo y Radio Tarifa; e os malabarismos de Javi Javichi. Son de Seu Xa noutro escenario, no Centro Cultural Caixanova, a programación pecharase con Son de Seu co seu magnífico traballo titulado Fol . Para a ocasión, estarán acompañados por Anxo Pintos, Rodolfo Romaní e Rosa Cedrón. Este gran concerto terá lugar o 19 de decembro.