«O Couto Mixto foi a Andorra galega, pero moito máis pobre»

VIGO

Entrevista | Luis Manuel García Mañá Hai cinco anos, García Mañá publicaba «Couto Mixto. Unha república esquecida», un libro que agora reedita Edicións Xerais

14 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

? Couto Mixto está situado na raia seca, e até algo máis dun século era un lugar a marxe tanto de España coma de Portugal. Luis Manuel García Mañá, que tamén é membro da Asociación Amigos do Couto Mixto, escribiu hai uns anos a historia deste lugar. Agora, Edicións Xerais reedita o libro Couto Mixto. Unha república esquecida , que conta coa principal novidade da aportación fotográfica de Xurxo Lobato. -¿O Couto Mixto segue a ser descoñecido para os galegos? -Si, estivo ignorado durante moito tempo, aínda que agora, dende comezo dos noventa, estamos a traballar na recuperación da súa memoria histórica, facendo que aflore un lugar de encontro para todos aos que nos interesa a cultura galega. O Couto Mixto está a cabalo das terras portuguesas de Barroso e as galegas del ríos Salas. É un lugar de encontro que conxuga moi ben o que ten sido a cultura dos homes da fronteira, e que recorda moi ben o que foron aqueles momentos tráxicos que vivieron ambolos dous países, e que provocaban fluxos nunha e outra dirección. Era un lugar de acollida porque tivo o dereito de asilo. -¿Era un limbo? -Hai xente que non está de acordo con a denominación de república que eu lle atribuio, pero para min era coma una república, un lugar de ninguén ou tamén do propio pobo. Digo república no sentido etimolóxico da palabra. O líder do lugar era elexido por un período de tres anos polos cabezas de familia, era pois unha democracia restrinxida. Esta elección viña ratificada por algunhas casas señoriais, pero realmente eran eles quen os elexían. Ao longo dos anos fóronse xerando unha serie de privilexios que non tiñan os seus veciños, nin españois nin portugueses, e foi un lugar singular, que algúns denominan como a Andorra galega, aínda que moito máis pobre e moito máis abandonado. -¿De que xeito influiron estes privilexios na vida cotiá destas xentes? -Até 1864, data na que se asina o convenio de Lisboa polo que desaparecen os privilexios, a vida alí era totalmente distinta. Non emigraban, incluso eran endogámicos e tiñan que pedir dispensas a Roma para poder casarse entre curmáns. Os privilexios eran unha boa razón para non marchar de alí. No momento en que foron integrados no noso país e perderon os privilexios, viviron o mesmo nivel de miseria que o resto das aldeas da zona. -¿Cales eran eses privilexios dos que fala? -Os habitantes do Couto Mixto non eran reclutados polos exércitos, tamén tiñan autorización para comerciar ou cultivar con calquera produto. O dereito de asilo permitíu a moitas persoas escapar alí nos momentos tráxicos de España e Portugal. Tampouco tiñan que pagar contribucións. Cando comezamos a recuperar a memoria desta lugar, os seus habitantes non tiña xa moi claro cal fora o rexime de vida dos seus antergos. -¿A perda deses privilexios supuxo unha conmoción para os seus habitantes? -Houbo un grande sentimento de frustración xa que a xente tiña que optar por unha nacionalidade distinta ao lugar onde vivían. En dúas das tres aldeas que compoñían o Couto, casique o cento por centro escolleu a nacionalidade portuguesa como rechazo á integración en España. A frustración aínda medrou cando viron como reclutaban aos seus mozos para os exércitos, algo que non ocurrira antes. Todo iso xerou un estado de confusión e, o peor, a perda de identidade. -¿Cal foi a orixe do Couto Mixto? -Era o derradeiro lugar do mundo, nunhas montañas ailladas e con escasos recursos económicos. Por esquecemento e desleixo, a partir do século XII vai adquirindo unha singularidade, a cabalo dunha serie de servizos que os habitantes van prestando á Casa de Bragança, o de Monterrei en Galicia, e asi van obtendo uns privilexios que se fan moi evidentes nos séculos XV e XVI. Son uns privilexios marxinais, máis que estruturais, e os gañan porque son poucos.