Fran Alonso presenta «Balada solitaria», a súa última obra, que editou en Portugal

La Voz LA VOZ | VIGO

VIGO

17 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O escritor vigués Fran Alonso presenta este semana a súa última obra, Balada Solitaria , editada pola firma portuguesa Ediçoes Éterogémeas. O seu responsable, Luis Mendonça, tamén vai asistir ao acto, que se vai celebrar na librería Libros para Soñar, (Triunfo, 1), o venres, día 20, ás 20.30 horas. A música, a imaxe e a palabra serán os compoñentes deste espectáculo literario no que Fran Alonso vai recitar o texto, mentres se proxectan fotografías do artista portugués Renato Roque. Acompañará o recital a música do compositor luso Joao Lóio. Dúas linguaxes Na obra, na que o autor reflexiona sobre a soidade no mundo contemporáneo, fúndense dúas linguaxes, propias e distintas, para contar unha historia (a do texto de Fran Alonso e a das fotografías de Renato Roque), dúas linguaxes que se entenden e complementan a partir da súa diferencia para crear unha mesma tensión narrativa. O prólogo do libro correu a cargo de Teresa Siza, directora do Centro Portugués de Fotografia dependente do Ministerio de Cultura portugués. Alonso é autor, entre outros libros, de Cemiterio de elefantes , Silencio , Males de cabeza ou Subversións . Foi galardonado con premios como o Blanco Amor de Novela, o Losada Diéguez de creación literaria, e o White Ravens da Internationale Jugendbibliothek de Múnich.