Gaiteiros Galegos ve irregularidades na creación das escolas da Deputación

VIGO

A asociación fará hoxe unha concentración informativa diante do Concello de Cangas Os impulsores do proxecto alegan que os erros na redacción do convenio xa foron subsanados

13 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

As once e media da mañá de hoxe, membros da Asociación de Gaiteiros Galegos concentraranse diante da Casa Consistorial de Cangas para protestar contra a creación, co respaldo da Deputación, de cinco escolas de gaitas e percusión en outras tantas localidades pontevedresas. A asociación, que agrupa a persoas vencelladas ao mundo da música tradicional en Galicia, di que a asociación Banda de Gaitas Provincia de Pontevedra, asinante do convenio coa Deputación Provincial, non existe en ningún Rexistro de Asociacións, tanto da Comunidade Autónoma canto do Estado. Engade, Xosé Francisco Gil, representante en Cangas da Asociación de Gaiteiros Galegos que o CIF que aparece no convenio pertence a outra asociación, chamada Asociación Galega de Bandas de Gaitas y Percusión de la Provincia de Pontevedra. «A Asociación Galega de Bandas de Gaitas y Percusión de la Provincia de Pontevedra non ten adaptados os estatutos á normativa vixente actual tal como é preceptivo, en virtude da Ley Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora del Derecho de Asociación e do Real Decreto 1497/2003». «Os Estatutos, fóra de toda validez, da antedita asociación indican no seu Artigo 21 que o orzamento anual da Asociación non poderá exceder os tres millóns de pesetas (18030,4 euros)», din dende a asociación denunciante. Esta situación foi exposta por Santiago Caneiro, presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos, ao deputado provincial José Juan Durán nunha reunión mantida a comezos do mes de maio, sen que tiveran resposta ata o momento. Por outra banda, o colectivo de musicos tradicionais do Morrazo publicaron un manifesto no que critican a implantación desta escola en Cangas. «Dita escola plantexa nas súas presentacións informacións sesgadas, confusas e claramente inclinadas cara a unha gaita marcial, híbrida entre galega e escocesa e que nada ten que ver coa gaita que tocamos no Morrazo», recolle o manifesto nun dos seus puntos. Tamén critícan que as escolas sexan subvencionadas con 90.000 euros, mentras que eles atopan numerosas dificultades para obter financiación para proxectos relacionados coa música tradicional. Correccións Pola súa banda, o director da Escola de Gaitas e Percusión da Provincia de Pontevedra, Hipólito Cabezas Gómez, sinalou que na redacción do convenio houbo un erro xa que o redactor esqueceu poñer dúas palabras, galega e percusión, e por iso non coinciden as asociación asinante e a real. «De todos os xeitos, o erro foi correxido, xa que a lei contempla un período para correxir estas cousas», afirma o director. Tamén, según o director da escola, hai unha explicación á denuncia dos estatutos. «Eles están falando dos estatutos do ano 1996, pero a asociación ten agora adaptados os seus estatutos á nova lei, e polo tanto non entra en contradicción cos termos do convenio», engade Hipólito Cabezas Gómez. O ideador do proxecto está moi sorprendido cos ataques que está a recibir o seu proxecto. «Cando imos aos colexios para amosar o proxecto aos rapaces, notamos certo recelo por parte dos profesores, pero todo queda diluido ao rematar a charla», explica. Hipólito Cabezas di que pese ás presións que están tendo os nenos matriculados, en Cangas do Morrazo hai unha boa resposta por parte da población para participar na escola.