«A poesía ten que ir á procura das verdades máis radicais»

VIGO

Entrevista | Miguel Anxo Fernán Vello O editor, dramaturgo e poeta coruñés presentou onte o seu novo poemario que leva por título «Territorio da desaparición»

30 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Comezaba o día en Barcelona e o remataba en Vigo, despois de pasar pola Coruña, presentando o seu último poemario, Territorio da desaparición , (Editorial Galaxia). Miguel Anxo Fernán Vello adéntrase agora nunha catárquica viaxe pola actualidade universal, que tamén o é galega. -¿A que alude o título? -A un contido unitario, no sentido de que se realiza unha crónica poética e realista do tempo no que vivimos, tanto no que afecta a Galicia, como dende unha perspectiva universal. É unha poesía dirixida aos cidadáns; unha poesía de alento cívico que crea un marco de expresión e comunicación que se dirixe ao colectivo. É unha chamada á reflexión. -¿É unha crónica pesimista? -A poesía ten que ir á procura das verdades radicais, ten que transparentar o escuro. Neste libro, hai unha viaxe ascendente dende as sombras á luz. Decía Pérez Cuevillas que o pobo galego é un pobo estraño porque fai todo o posible por desaparecer sen conseguilo. Este pensamento latexa no contido xeral, pero eu son unha persoa positiva. -Este xeito de contar a realidade, ¿podería chamarse xornalismo poético? -Decía Octavio Paz que a mellor poesía contemporánea ten influencias do xornalismo e viceversa, no sentido de que eu defendo neste libro a poesía de comunicación co cidadán, unha poesía de intervención que vai dirixida a un público dun xeito directo, e aí empátase co xornalismo que induce, aparte de informar, á reflexión. -¿Como artícula o libro? -Son trinta poemas articulados en cinco capítulo. Hai poemas de extensión longa, con máis de setenta e cinco versos, e nun sentido ascendente, do escuro ao positivo, nunha liña ascendente. Remato con dous longos poemas, un chamado Prais , pero non ten que ver co Prestige porque foi feito antes, que simbolizan a luz, a natureza; e outro máis, chamado Cantigas Finisterráe, que foi no seu día unha cantata estreada pola Sinfónica de Galicia e que é un canto ao futuro, unha chamada á civilización. Así que hai un pouso inicial moi crítico, xugando coa escuridade, e hai un final esperanzador, como en calquer obra sinfónica. No libro hai unha evolución musical. -Supoño que terá que ver moito niso a súa formación musical. -Eu creo que na poesía e primordial a linguaxe, e esa linguaxe, na expresión poética, debe asociarse á musicalidade, á respiración verbal. Eso plantexa unha tonalidade e unha musicalidade que é un fenómeno intrínseco á poesía, porque é unha das súas virtudes, a respiración musical. -Di que este libro vai directo cara ao cidadán, pero a poesía non é unha arte moi seguida hoxe en día. -Si, ao redor da poesía existen posicións antagónicas. Por unha banda, a poesía exerce unha gran influencia na cultura contemporánea, na lenguaxe mesma. E tamén, eu penso que a cultura contemporánea, tal como se está oficializando, expulsa a linguaxe poética. -Hai tempo que non publicaba poesía, ¿que pasou nestes anos? -Si, pero mira que neste mes publicarase outro libro meu, Capital do corpo . Coincide polos prazos de publicación porque ese libro foi premio Miguel González Garcés e é a Deputación da Coruña quen o publica. Pero, a poesía é unha constante na miña vida e, aínda que non publique, e unha constante porque é un estado permanente.